A Xunta impulsa a Travesía Náutica Xacobea como modelo de turismo seguro, sostible e de calidade

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou na presentación de “O Camiño por mar. Travesía náutica xacobea”, unha iniciativa que permitirá realizar por mar parte da ruta que segundo a tradición fixeron os restos do Apóstolo, partindo de Andalucía e pasando por Portugal

Alfonso Rueda lembrou que Galicia estivo de moda o ano pasado situándose nos postos de cabeza da recuperación turística con case 25 puntos por riba da media nacional grazas ao reforzo da mensaxe como destino seguro e de calidade e confía en consolidar a recuperación do sector co Xacobeo 21-22 e os fondos europeos

Rosa Quintana animou a visitar a comunidade realizando esta travesía por mar para coñecer unha terra que conta cunhas paisaxes espectaculares e se atopa nunha esquina de Europa, pero moi preto de calquera punto do mundo por vía marítima

Madrid, 21 de xaneiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron hoxe na última xornada da Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid na presentación organizada por Portos de Galicia para dar a coñecer a iniciativa O Camiño por mar. Travesía náutica xacobea.
Perante o éxito que tivo o ano pasado, cunha viaxe a través do Cantábrico, este ano levarase a cabo unha experiencia de maior alcance polo Mediterráneo e o Atlántico, xa que o obxectivo é repetir parte do itinerario que, segundo a tradición, percorreron os restos do Apóstolo por mar, neste caso partindo de Andalucía para chegar a Galicia pasando por Portugal.
Alfonso Rueda garantiu o apoio da Xunta a proxectos como este que se encadran no turismo náutico porque, ademais de ser unha práctica en auxe en Galicia, coincide co modelo de turismo polo que aposta a comunidade: seguro, sostible e de calidade. O vicepresidente primeiro, ademais, recordou que a travesía este ano será internacional e agradeceu o apoio de Andalucía e de Portugal. “Saben moi ben que o Xacobeo e o Camiño son un plus engadido, xa que polas súas terras atravesan a Vía da Prata e o Camiño Portugués”.
Rosa Quintana, pola súa banda, animou a todos os presentes a visitar Galicia por mar realizando esta Travesía Náutica Xacobea 2022 co obxectivo de que poidan gozar dunha terra e dun mar que se atopan nunha esquina de Europa, pero moi preto de calquera punto do mundo por vía marítima. “As paisaxes galegas do mar vistas desde terra son espectaculares, pero as que se xeran da costa vista desde o mar aínda o son máis”, subliñou a titular de Mar para poñer en valor as bondades de Galicia como destino turístico.
Nesta liña, Alfonso Rueda confiou en que este 2022 Galicia poida celebrar o Xacobeo 21-22 que merece e que sexa o gran ano do turismo para a comunidade porque ofrece unha proposta tranquila en espazos abertos e en contacto coa natureza que buscan os viaxeiros pospandemia.
Neste sentido, indicou que o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu o ano pasado situar á comunidade nos postos de cabeza da recuperación do turismo en toda España, case 25 puntos por riba da media nacional con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noites, sendo o único destino que en agosto superou as cifras turísticas de 2019. Ademais, no Camiño de Santiago superáronse tódalas expectativas con 180.000 Compostelas, 40.000 máis que as 140.000 coas que estaba previsto pechar o ano 2021.
O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que Galicia volverá a estar de moda este ano, ao igual que o estivo o ano pasado grazas ao esforzo do sector e ao apoio da Xunta para contribuír á súa recuperación con máis de 120 millóns de euros en distintas liñas de axuda e medidas pioneiras, como o bono turístico para inxectar liquidez mediante o consumo interno, ou o seguro coronavirus para ofrecer un plus de tranquilidade cubrindo os gastos derivados ante un caso de infección por covid.
Neste ano, a Xunta espera mellorar os datos cuantitativos e cualitativos para consolidar Galicia como un destino de excelencia, rendible e sustentable aproveitando o tirón do Xacobeo e os proxectos financiados con fondos europeos Next Generation.
Na presentación de O Camiño por mar. Travesía Náutica Xacobea, o vicepresidente primeiro e a conselleira de Mar estiveron acompañados, entre outros, da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e dos delegados territoriais da Xunta.

Imaxes relacionadas