Trenor presenta en Fitur as Mariñas Coruñesas como un exemplo da potenciación dos recursos naturais para valorizar un territorio como destino turístico

O delegado territorial da Xunta participou na presentación de “Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, experiencias de ecoturismo neutras en carbono”, organizada polo xeodestino As Mariñas Coruñesas

Trenor destacou que Galicia superou os peores anos para o turismo presentándose como un destino aberto e seguro tendo como eixo central o Xacobeo

Madrid (A Coruña), 21 de xaneiro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou, esta tarde, na ponencia “Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, experiencias do ecoturismo neutras en carbono”, dentro das presentacións da programación de Galicia, que se levaron a cabo na 42 edición de Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid.

O delegado territorial destacou, na súa intervención, que “Galicia superou os peores anos para o turismo presentándose como destino aberto e seguro ao turismo interno, nacional e internacional e tendo como eixo central o Xacobeo”. Neste senso, apuntou que “en todas as nosas propostas conflúen os valores tradicionais da oferta turística galega coa imaxe dunha Galicia nova en constante transformación, co Camiño de Santiago como principal atractivo turístico”.

Concretamente, subliñou, “afrontamos o segundo ano do Xacobeo despois de demostrar no 2021 cunha idea clara que calou entre os visitantes que Galicia era destino seguro e iso levounos a bater records no que á recuperación do sector refírese a pesar da pandemia”.

O representante do Goberno autonómico puxo en valor a excelente promoción da reserva da biosfera As Mariñas Coruñesas Terras do Mandeo que está encomendada á Asociación Desarrollo Rural Mariñas-Betanzos, que lidera o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e subliñou que “o gran éxito do seu traballo radica en valorizar o territorio a través da potenciación dos seus recursos naturais”.

Trenor lembrou que “a declaración das Mariñas Coruñesas Terras do Mandeo como reserva da biosfera, foi primeira que tivo este selo en Galicia”, e afirmou que “estamos ante o mellor exemplo de que cando se traballa en equipo, cuns obxectivos claros e poñendo en valor as grandes posibilidades turísticas dunha comarca é posible crear espazos definidos dentro da marcha Destino Galicia”.

Trenor rematou a súa intervención apuntando que este territorio está incluido no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino aprobado no marco do Plan Litoral, que lle permitirá, no prazo de tres anos, recibir 1,5 millóns de euros para accións de mellora da mobilidade e vertebración territorial mediante a recuperación de senllas tradicionais e senllas ciclables, así como de mellora da accesibilidade na ría de Betanzos” .

Imaxes relacionadas