A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá a residencia Santa Teresa Jornet, na Coruña, para facer balance do sistema de atención

Galicia chega ás 65.000 persoas con dependencia atendidas, 50.000 máis que no ano 2009

Incrementáronse as horas do Servizo de Axuda no Fogar ata chegar ás máis de 24.000 persoas atendidas, 16 veces máis que hai 13 anos

Duplicáronse o número de prazas públicas en residencia ata chegar ás 13.000, e reforzouse o programa Xantar na casa para levar comida a máis de 1700 maiores que viven sos

Nas vindeiras semanas recuperarase o programa de Coidados porta a porta para achegar servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a todos os concellos de Galicia

O Plan de choque en dependencia permitirá reducir á metade os tempos de agarda, reducir a lista de espera, incrementar o persoal de valoración e establecer alternativas para o recurso que prefire cada persoa
 

A Coruña, 21 de xaneiro de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, fixo balance do sistema de atención á dependencia e sinalou que no mes de decembro a Comunidade chegou ás 65.000 persoas atendidas, o que supón 50.000 máis que no ano 2009. Así mesmo, destacou que esta cifra récord sitúa a Galicia entre as comunidades autónomas que mellor atenden aos seus maiores.

A conselleira realizou este balance durante unha visita á residencia Santa Teresa Jornet da Coruña. Lembrou que despois de 13 anos de traballo, o Goberno galego foi mellorando un a un todos os servizos de atención ás persoas maiores. Neste sentido, afirmou que a Xunta incrementou o Servizo de Axuda no Fogar ata atender a máis de 24.000 persoas, 16 máis que no ano 2009.

Así mesmo, o Goberno galego duplicou o número de prazas públicas en residencia ata chegar ás 13.000, reforzou o programa Xantar na casa para levar comida a máis de 1700 persoas maiores que viven soas e a teleasistencia que actualmente atende a 7.500 fogares galegos. Durante este tempo tamén se puxeron en marcha as casas do maior para ofrecer atención diúrna ás persoas maiores do rural e que na actualidade atenden a 415 persoas a través de 83 centros repartidos por toda a Comunidade.

Fabiola García sinalou que nas próximas semanas tamén se vai recuperar o programa de Coidados porta a porta que recorrerá todos os concellos da Comunidade prestando servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. Deste xeito, achegarase estes servizos tamén ás persoas maiores que viven no rural.

Plan de choque

A conselleira subliñou que, malia a todo, é preciso seguir reforzando estes servizos e mellorando a axilidade na atención. Asegurou que os tempos de agarda para o recoñecemento da dependencia seguen sen ser os desexados e, por iso, a Xunta puxo en marcha un plan de choque que suporá a axilización máis importante do servizo nos últimos 16 anos, é dicir, desde que existe. Un plan que permitirá reducir á metade os tempos de agarda, reducir a lista de espera, incrementar o persoal de valoración e establecer alternativas para o recurso que prefire cada persoa.
 

Imaxes relacionadas