Máis dun centenar de emprendedores retornados participaron na experiencia de mentorización do programa "Merlo"

Esta iniciativa foi froito dun convenio entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación Ronsel e permitiu ofrecer a estes autónomos un servizo de acompañamento para potenciar a súa competitividade

Case o 50% dos participantes foron mulleres e case o 80% deles tiñan entre 30 e 49 anos, retornados na súa maioría de Venezuela, Reino Unido e Arxentina

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022

O programa “Merlo” de mentorización para emprendedores galegos retornados, froito do convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación Ronsel, contou con 104 participantes, que puideron así apoiarse nun servizo de acompañamento para potenciar a súa competitividade.
O programa Merlo, que desenvolve a Fundación Ronsel, e na que contou coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, é unha iniciativa de mentores dirixido a emprendedores galegos retornados, no que se presta un servizo de acompañamento por medio dunha figura dun mentor que reforce as súas habilidades e fortalezas para potenciar e consolidar os seus proxectos profesionais cunha maior garantía de éxito, contribuíndo así a mellorar a súa competitividade e produtividade do seu negocio en Galicia, de xeito que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia.
No programa participaron un total de 25 mentores, que apoiaron aos emprendedores retornados en áreas como o márketing, a transformación dixital, a xestión e dirección de empresa, a comunicación, as vendas ou a potenciación de marcas.
En total, inscribíronse neste programa 104 emprendedores, dos cales o 48% foron mulleres, sendo o 80% dos participantes persoas de entre 30 e 49 anos, aínda que tamén houbo un 7% de menores de 30 e un 5% de maiores de 60. En canto ao orixe do seu retorno, o 25% procedían de Venezuela, o 12% do Reino Unido, o 9% de Brasil e o 7% de Arxentina, entre os máis destacables, aínda que tamén participaron persoas retornadas de Xapón, Nova Zelandia, Canadá ou Nicaragua.
Os sectores maioritarios nos que investiron en Galicia son o sector de servizos ás persoas e as empresas, o comercio e a restauración, tendo tamén importancia o sector industrial e o tecnolóxico.
A Fundación Ronsel é unha entidade de carácter privado sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego, e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, entre as que están incluídos os galegos emprendedores retornados, sendo un referente en Galicia no uso da ferramenta de mentoría e membro dende 2015 da Red de Youth Business Spain, coa que se desenvolve esta metodoloxía de promoción e apoio ao emprendemento dirixida ao autoemprego e a creación de emprego.

Imaxes relacionadas