A Xunta participa nun simulacro de accidente aéreo no aeroporto de Peinador

O obxectivo do exercicio foi analizar a coordinación dos distintos colectivos e a capacidade de resposta a unha emerxencia aeronáutica, ao mesmo tempo que se ensaia a activación do Platerga en nivel 2 e o plan de autoprotección do aeródromo

Vigo, 21 de xaneiro de 2022

A Xunta participou hoxe nun simulacro de accidente aéreo que tivo lugar no aeroporto de Peinador de Vigo co obxectivo de analizar a coordinación dos distintos colectivos que actuarían ante unha emerxencia destas características e avaliar a capacidade de resposta e os procedementos establecidos no seu Plan de autoprotección e os doutros organismos implicados, ao mesmo tempo que se ensaia a activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no nivel 2.

Neste nivel a dirección do Plan corresponde ao director xeral de Emerxencias e Interior que se desprazou ao Posto de Mando Principal do Aeroporto onde se constituíu o Centro de Coordinación Operativa no que se integraron entre outros a directora do aeroporto e representantes dos diferentes grupos operativos que se constituíron para dar resposta á emerxencia. Ademais, trala declaración do nivel 2 do Platerga a dirección do Posto de Mando Avanzado constituído a pé de pista nas inmediacións do accidente foi asumida polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias.

Tamén se comprobou a operatividade do Plan de Asistencia a Vítimas de Accidente Aéreo e aos seus familiares (PAVF) ao habilitar as salas de ilesos e feridos leves e a sala de familiares coordinadas polo Responsable de Atención a Vítimas do Aeroporto e a Persoa de Contacto da Xunta establecida no PAVF.

O exercicio simulou o accidente dun avión que obrigou a activar o Plan de autoprotección do aeroporto dando aviso ao servizo de extinción de incendios e ao centro de coordinación aeroportuario e central eléctrica. O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia mobiliza a medios externos para poder levar a cabo as labores de salvamento e extinción de incendios na zona de emerxencia. O simulacro artellouse ao redor de que no sinistro se rexistraron 7 persoas falecidas, 2 pasaxeiros feridos moi graves, outros 2 en estado grave e 6 feridos de carácter leve ou ilesos.

Entre os medios externos activados polo CIAE 112 inclúense medios sanitarios do 061, Cruz Vermella, así como membros do Grupo de Intervención Psicolóxica en Emerxencias (GIPCE). Tamén se activa por parte da Xunta o Plan territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel 2, que estivo dirixido in situ polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva desde a sala de crise onde se constitúe o Centro de Coordinación Operativo (CECOP).

Unha parte do simulacro centrouse no que sería a atención aos familiares das vítimas. Ante accidentes destas características, adoitan desprazarse varios familiares ata o enclave, de aí que sexa importante verificar os protocolos e procedementos neste ámbito Ademais, procedeuse á evacuación de vítimas e persoas ilesas a través dos medios mobilizados. Da vixilancia da zona de emerxencias encargáronse durante o exercicio efectivos da Garda Civil, da Policía Nacional e de seguridade privada do aeroporto.

A Xunta destaca a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de preparación para garantir a eficacia ante ás posibles emerxencias para o que periodicamente programa e participa en simulacros de emerxencia. No caso dos simulacros xerais aeronáuticos débense realizar cada dous anos para dar cumprimento ao Plan de Emerxencia do aeroporto.
 

Imaxes relacionadas