Galicia sitúase entre as comunidades que superan os 40 doantes por millón de habitantes, un punto por riba da media nacional pese ás dificultades orixinadas pola pandemia

A taxa de transplantes en Galicia foi de 110 transplantes por millón de habitantes mentres que a do total de España foi de 101

A cifra de transplantes de pulmón foi a segunda máis alta en Galicia desde o comezo do programa no ano 1999, cunha taxa de 17’8, o que supera en dez puntos a media nacional
 

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022.- O Servizo Galego de Saúde acadou, o pasado ano, unha cifra de 112 doazóns de órganos e realizou 298 transplantes de órganos nos seus hospitais, uns datos moi destacables tendo en conta a actual situación de pandemia.
Do total de transplantes, 140 foron de ril, dos cales 25 procedían de doante vivo; 85 de fígado; 1 de páncreas; 24 de corazón e 48 de pulmón. A cifra de transplantes de pulmón foi a segunda máis alta en Galicia desde o comezo do programa no ano 1999, cunha taxa de 17’8, o que supera en dez puntos a media nacional.

Salientar que, desde que se realizou o primeiro transplante de órganos no ano 1981, e ata o 31 de decembro de 2021, nestes 40 anos fixéronse en Galicia 8.921 transplantes.
 

 

Transplantes de órganos
Ano 2020
Ano 2021

Ril

141
140

Fígado

103
85

Páncreas

2
1

Corazón

29
24

Pulmón

53
48
Total
328
298

Os resultados do ano 2021, que hoxe foron dados a coñecer en rolda de prensa polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; pola directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López; e pola coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas, poñen de manifesto o enorme traballo dos nosos profesionais sanitarios xa que, pese a estar na primeira liña de loita contra a covid, seguiron traballando na procura de doazóns e, polo tanto, transplantes para os nosos doentes.

Doantes de órganos

O número de doantes de órganos cadáver en Galicia situouse en 112 (69 na provincia da Coruña, 11 na de Lugo, 11 na de Ourense e 21 na de Pontevedra); dato que supón unha taxa de 41,6 doantes por millón de habitantes, un punto por riba da media nacional.

No que atinxe ás causas de morte dos doantes, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares (72%), seguidos da encefalopatía anóxica por parada cardíaca (15%) e dos traumatismos craneoencefálicos por accidentes non de tráfico (9%) sendo a porcentaxe de doantes por accidente de tráfico de tan só un 2%. Con respecto á idade media do doante, esta foi de 60,3 anos.

Desde o ano 1981, data do inicio do programa de transplantes en Galicia, ata o 2021, que foi cando o programa cumpriu 40 anos, téñense rexistrado máis de 3.000 doantes de órganos en Galicia.

Índice en descenso

A porcentaxe de negativas familiares situouse no 2021 nun 16%, o que confirma a tendencia descendente das mesmas. Así mesmo, salientar que, actualmente, 119.687 persoas teñen a tarxeta de doante de órganos en Galicia. Destas, 1.681 son novas tarxetas rexistradas no 2021 pola Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS.

Polo que se refire á doazón de medula ósea, apuntar que Galicia rexistrou 786 novos doantes. Deste xeito, contamos con 13.237 doantes rexistrados no REDMO. Hai que destacar o número importante de rexistros pese ás limitacións debidas á pandemia.

Programa educativo

Doutra banda, sinalar que a Coordinación Autonómica de Transplantes impartiu 51 charlas a escolares no curso académico 2020-2021 para fomentar a doazón, e nas que tomaron parte un total de 1.526 escolares. Ademais, desenvolveuse o Plan Proxecta: Educando en Valores, que abrangueu a 373 escolares e 29 docentes.

No pasado curso escolar fallouse o VI Concurso Universitario de Curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea, e o III Concurso de Carteis relacionado coa doazón e os transplantes para estudantes de 1º e 2º de ESO.

Actividade formativa

A Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS continuou a desenvolver, ao longo do pasado ano, o programa de formación especializada en doazón e transplante de órganos para os profesionais do sistema público de saúde de Galicia, mediante o desenvolvemento de seminarios de comunicación de malas noticias no proceso de doazón, con formación a 28 profesionais sanitarios; e cursos sobre proceso de doazón e transplantes onde xa levamos formados a máis de 3.000 profesionais en 110 cursos.

Salientar, ademais, a organización dunha xornada sobre doazón de órganos en asistolia controlada, na que participaron integrantes do colectivo xudicial, membros dos comités de ética asistencial, coordinadores de transplantes e responsables das unidades de Anestesia e Reanimación, así como o cuarto curso de doazón e transplantes para MIR de primeiro ano en todos os hospitais galegos, e no que tomaron parte máis de 300 profesionais.
O Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue queren facer un recoñecemento público aos doantes e ás súas familias, pola valentía, a fortaleza e a xenerosidade que amosan neses momentos difíciles. Tamén queren agradecer ao conxunto da sociedade e aos profesionais dos hospitais galegos, xa que son os que posibilitan que as cifras de transplante se manteñan na nosa comunidade.
 

Imaxes relacionadas