A Xunta pon en valor o talento galego na promoción do turismo e do Xacobeo nun ano especial para Galicia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou na presentación en Fitur da colección “El Pulpo peregrino”, que promociona o Ano Santo a través da moda

Rueda dixo que a Xunta aposta pola iniciativa privada e polo deseño dunha xeración de galegos “que chega pisando forte” e que aposta polas potencialidades do país

Alfonso Rueda lembrou que Galicia estivo de moda o ano pasado situándose nos postos de cabeza da recuperación turística con case 25 puntos por riba da media nacional grazas ao reforzo da mensaxe como destino seguro e de calidade, e confía en consolidar a recuperación do sector co Xacobeo 21-22 e os fondos europeos

Madrid, 20 de xaneiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o talento galego na promoción do turismo e do Xacobeo nun ano tan especial para Galicia como é o 2022. Fíxoo hoxe en Fitur, na presentación da colección “El pulpo peregrino”, que promociona o Ano Santo a través da moda.

Alfonso Rueda participou na presentación dunha iniciativa que pon o deseño á disposición da promoción das potencialidades do país, e puxo aos seus promotores como exemplo dunha xeración de galegos “que chega pisando forte”.

No acto estiveron presentes, entre outros, o actor José A. Touriñán, accionista e representante de “El pulpo”, así como o arquitecto Marcos Samaniego e o catedrático de Belas Artes da Universidade Complutense Horacio Romero, vencellados tamén cun proxecto empresarial que asinou un convenio coa Xunta polo que a marca dará a coñecer o Xacobeo e cederá o 10% dos seus beneficios para a mellora da sinalización do Camiño.

Alfonso Rueda destacou a importancia da industria téxtil para Galicia e o alcance do seu deseño e da súa moda para a proxección dunha imaxe moderna e vangardista da comunidade, un aspecto de especial relevancia nun momento no que o turismo de Galicia aspira a fusionar tradición con innovación. Por iso, o vicepresidente primeiro da Xunta resaltou que a proposta de “El pulpo” en particular, e o stand de Galicia en Fitur, en xeral, “son un escaparate do mellor que ofrece Galicia: o seu empuxe empresarial, a súa modernidade e o seu factor humano ao servizo dun evento de alcance mundial como é o Xacobeo”.

Peregrinas, mulleres no Camiño de Santiago

Alfonso Rueda interveu tamén na presentación do documental Peregrinas, mulleres no Camiño de Santiago, unha proposta audivisual do xuíz e escritor José Antonio Vázquez Taín que amosa o Camiño, os seus valores e o seu patrimonio coa testemuña histórica de catro peregrinas como fío condutor.

Jimena Garcés, a primeira peregrina da que se ten constancia; Santa Bona de Pisa, que fixo o Camiño desde Italia; Isabel de Portugal, que emprendeu unha viaxe de reencontro coa súa relixiosidade, e Marguery Kempe, que fixo a travesía por mar, dan a coñecer as súas vivencias da man da historiadora Marta González e do director Alberte Cabarcos.

No stand de Galicia en Fitur acompañaron ao vicepresidente primeiro, entre outros, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; así como a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira e os delegados territoriais da Xunta.

Alfonso Rueda confía en que Galicia poida celebrar o Xacobeo 21-22 que merece neste Dobre Ano Santo e que sexa o gran ano do turismo para a comunidade porque ofrece unha proposta tranquila en espazos abertos e en contacto coa natureza que buscan os viaxeiros pospandemia.

Nesta liña, lembrou que o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu o ano pasado situar á comunidade nos postos de cabeza da recuperación do turismo en toda España, case 25 puntos por riba da media nacional con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noites, sendo o único destino que en agosto superou as cifras turísticas de 2019. Ademais, no Camiño de Santiago superáronse tódalas expectativas con 180.000 Compostelas, 40.000 máis que as 140.000 coas que estaba previsto pechar o ano 2021.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que Galicia volverá a estar de moda este ano, ao igual que o estivo o ano pasado grazas ao esforzo do sector e ao apoio da Xunta para contribuír á súa recuperación con máis de 120 millóns de euros en distintas liñas de axuda e medidas pioneiras, como o bono turístico para inxectar liquidez mediante o consumo interno, ou o seguro coronavirus para ofrecer un plus de tranquilidade cubrindo os gastos derivados ante un caso de infección por covid.

Neste ano, a Xunta espera mellorar os datos cuantitativos e cualitativos para consolidar Galicia como un destino de excelencia, rendible e sustentable aproveitando o tirón do Xacobeo e os proxectos financiados con fondos europeos Next Generation.

Imaxes relacionadas