A Xunta invita a conxugar deporte e turismo e a percorrer en bicicleta o Camiño mozárabe-Vía da prata

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, participou en Fitur na presentación da iniciativa “Camiño mozárabe en bicicleta”, que discorre por Andalucía, Estremadura e Castela e León antes de chegar a terras galegas

Alfonso Rueda interveu tamén na presentación dunha aplicación móbil que facilita aos peregrinos programar a súa viaxe e xestionar as súas reservas nesta ruta

Lembrou que Galicia estivo de moda o ano pasado situándose nos postos de cabeza da recuperación turística con case 25 puntos por riba da media nacional grazas ao reforzo da mensaxe como destino seguro e de calidade e confía en consolidar a recuperación do sector co Xacobeo 21-22 e os fondos europeos
 

Madrid, 20 de xaneiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe en Madrid na segunda xornada da Feira Internacional de Turismo (Fitur), o programa Camiño mozárabe en bicicleta, que ten como protagonista a Vía da Prata, a ruta que percorreron o ano pasado máis de 3.700 peregrinos.
A iniciativa -indicou o vicepresidente primeiro da Xunta- invita a desfrutar da experiencia do Camiño de Santiago facendo ciclismo, conxugando os valores que comparten o deporte e o Camiño. Tamén permite sumarse ao modelo de turismo tranquilo e en espazos abertos en contacto coa natureza que ofrece Galicia, dando resposta ao auxe da demanda destas experiencias por parte dos visitantes, incluíndo tamén o boom polo deporte ao aire libre e en bicicleta. “Sumamos as dúas experiencias e puxemos en marcha esta iniciativa a través dunha das rutas máis tradicionais do Camiño”, indicou Alfonso Rueda.
A Vía da Prata atravesa nove provincias dun cento de municipios de Andalucía, Estremadura e Castela e León antes de chegar a terras galegas, e o seu percorrido é tamén o punto central dunha aplicación móbil ideada para planificar o itinerario, coñecer os puntos de interese do Camiño, informarse sobre as etapas e descubrir os tesouros naturais e patrimoniais que acompañarán aos peregrinos no seu itinerario.
Por outra parte, na presentación da app do Camiño Mozárabe-Vía da Prata, que tivo lugar no stand de Estremadura en Fitur, o vicepresidente primeiro da Xunta agradeceu ás comunidades autónomas polas que pasa a ruta a súa implicación co Xacobeo: “Animámovos a descargar a aplicación e a camiñar a Galicia, onde vos agardamos a todos cos brazos abertos”, dixo.
No acto estiveron presentes, entre outros, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira.
Alfonso Rueda confía en que este 2022 Galicia poida celebrar o Xacobeo 21-22 que merece e que sexa o gran ano do turismo para a comunidade porque ofrece unha proposta tranquila en espazos abertos e en contacto coa natureza que buscan os viaxeiros pospandemia.
Nesta liña, lembrou que o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu o ano pasado situar á comunidade nos postos de cabeza da recuperación do turismo en toda España, case 25 puntos por riba da media nacional con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noites, sendo o único destino que en agosto superou as cifras turísticas de 2019. Ademais, no Camiño de Santiago superáronse tódalas expectativas con 180.000 Compostelas, 40.000 máis que as 140.000 coas que estaba previsto pechar o ano 2021.
O vicepresidente primeiro da Xunta indicou que Galicia volverá a estar de moda este ano, ao igual que o estivo o ano pasado grazas ao esforzo do sector e ao apoio da Xunta para contribuír á súa recuperación con máis de 120 millóns de euros en distintas liñas de axuda e medidas pioneiras, como o bono turístico para inxectar liquidez mediante o consumo interno, ou o seguro coronavirus para ofrecer un plus de tranquilidade cubrindo os gastos derivados ante un caso de infección por covid.
Neste ano, a Xunta espera mellorar os datos cuantitativos e cualitativos para consolidar Galicia como un destino de excelencia, rendible e sustentable aproveitando o tirón do Xacobeo e os proxectos financiados con fondos europeos Next Generation.
 

Imaxes relacionadas