A Xunta logra o compromiso da Sareb de que renovará os alugueiros das vivendas protexidas de Burela

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo reuniuse coa entidade, que lle garantiu que prorrogará os contratos daqueles inquilinos que estean ao corrente das súas obrigas e sigan cumprindo os requisitos de acceso a este tipo de vivendas

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia logrou hoxe o compromiso da Sociedade de xestión de activos procedentes da reestruturación bancaria (Sareb) de que renovará os contratos de alugueiro das vivendas protexidas de Burela localizadas nun edificio da súa propiedade.

Os inquilinos afectados foron informados do acordo esta mesma tarde polo director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, quen lles explicou que no marco dos contactos que mantivo nos últimos días con representantes da entidade para buscar unha solución ao problema, conseguiu que lle garantiran a renovación dos contratos daqueles inquilinos que se atopen ao corrente das súas obrigas e que continúen a cumprir os requisitos esixidos para o acceso ás vivendas protexidas en alugueiro.

Con tal fin, a sociedade pública remitirá ao IGVS os datos dos contratos das vivendas alugadas para que este organismo revise o cumprimento dos requisitos establecidos no plan conforme ao que foron cualificadas como protexidas. Tanto a revisión como o visado dos contratos é unha competencia do IGVS que se realiza sempre que se asinan ou prorrogan os alugueiros de vivendas protexidas, tal como establece a normativa vixente.

Mentres se levan a cabo as verificacións dos contratos e do cumprimento dos requisitos, os inquilinos poderán continuar nas referidas vivendas coas mesmas condicións establecidas ata o de agora.

En calquera caso, a Xunta continúa demandado do Goberno central o cambio urxente do criterio con relación aos contratos de alugueiro en edificios propiedade da Sareb co fin de evitar situacións de desprotección e incerteza entre as familias arrendatarias.

A necesidade desta modificación vese reforzada pola decisión do Executivo estatal de tomar o control da Sareb, que se reflicte na modificación da normativa vixente aprobada no último Consello de ministros, eliminando as trabas para que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) asuma o control da sociedade pública.

 

Imaxes relacionadas