A feira Turexpo preséntase en Fitur como escaparate de Galicia e unha oportunidade para reactivar o sector

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, á presentación do salón turístico que se celebrará do 2 ao 5 de xuño no Recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA

Madrid, 20 de xaneiro de 2022.- A feira Turexpo Galicia presentou hoxe no salón turístico Fitur a súa 11ª edición, a cal terá lugar do 2 ao 5 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. No acto, que tivo lugar no stand de Galicia, participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e o director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que, ao igual que Fitur, a nova edición de Turexpo será un punto de encontro para o sector turístico galego e suporá ademais unha oportunidade para a súa reactivación, tanto a través da área expositiva como do programa de actividades previsto.
Pola súa parte, Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, entidade organizadora de Turexpo Galicia, sinalou que Fitur axudou ao impulso do sector feiral pese á covid, tanto en 2021, cando era necesario destacar que os eventos eran seguros, como en 2022, cando outra vez volve a ser necesario e permite ademais debuxar un futuro de recuperación definitiva e negocio.

Durán destacou a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, na que se enmarca Turexpo Galicia, como un atractivo turístico en si, explicando que grazas á súa multisectorialidade e a incluír ámbitos como o turismo, a alimentación ou a caza, pesca e natureza, se converte case nunha pequena viaxe por Galicia que se pode realizar durante un ou dos días. Ao mesmo tempo, incidiu, cumpre o obxectivo fundacional de ser un escaparate de Galicia para o mundo e, cada vez máis, o de ser un escaparate do mundo para Galicia. Neste sentido informou de que a entidade feiral xa ten e marcha contactos para que varios países estean presentes nesta cita.

Tanto Turexpo Galicia como a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur), que se celebra de forma paralela, contan con dous días para profesionais e outros dous orientados a público. Na edición de 2019 pasou polo recinto o 5% da poboación de Galicia e, nesta ocasión, convertese no mellor momento para promocionar o turismo galego.

Imaxes relacionadas