Alfonso Rueda asiste ao traspaso da coordinación da marca España Verde de Cantabria a Asturias

A alianza turística que agrupa as comunidades autónomas de Asturias, Cantabria, País Vasco e Galicia conta cunha proposta diferenciada co turismo activo e de natureza, a enogastronomía ou o Camiño de Santiago como eixos estratéxicos

Madrid, 20 de xaneiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe no stand de Cantabria na Feira Internacional de Turismo (Fitur) ao traspaso da coordinación da marca España Verde por parte desta comunidade a Asturias. A responsabilidade de coordinar as actuacións desta alianza estratéxica, conformada por Turespaña e as comunidades de Asturias, Cantabria, País Vasco e Galicia é rotatoria e de carácter anual. En 2020 correspondeulle a Galicia que o ano pasado, tamén no marco de celebración de Fitur, lle cedeu o testemuño a Cantabria.
No acto participaron o director xeral de Turespaña, Miguel Sanz, os conselleiros de Turismo de Cantabria e o Principado de Asturias, Javier López Marcano e Berta Piñán, respectivamente.
Entre as accións que leva adiante a España Verde destaca a aposta polo turismo activo e de natureza, a enogastronomía e o Camiño de Santiago, como elementos transversais que unen a oferta turística do territorio ao tempo que lle permiten diferenciarse do resto da oferta turística nacional.

Imaxes relacionadas