A Xunta lanza 11 novos coworking para dar continuidade a estes espazos que axudaron a impulsar máis de 700 proxectos emprendedores ata o de agora

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, renova o convenio coa Escola de Organización Industrial (EOI) para promover unha nova edición deste programa que permite acelerar a xeración de empresas e crear emprego, especialmente entre os máis mozos, no ámbito rural galego

Súmanse catro novas localizacións, das que tres se atopan na provincia de Ourense -nas comarcas do Carballiño e Valdeorras e na Tecnópole-, e outra no Deza (Pontevedra); e mantéñense sete espazos: tres en Lugo (na Ribeira Sacra, A Mariña e Palas de Rei); outro máis en Pontevedra (O Salnés); e tres na Coruña, (Ferrolterra, Santiago e A Costa da Morte)

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia activará neste primeiro trimestre do ano 11 novos espazos coworkings nas catro provincias. Trátase de lugares de traballo, destinados a emprendedores e que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, estando deseñados para aumentar as probabilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento, o que ten permitido ata o de agora impulsar máis de 700 proxectos emprendedores no rural galego.

Para o seu desenvolvemento, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación renova, a través do Igape, o convenio coa Escola de Organización Industrial (EOI), impulsando así estes novos talleres que facilitarán, ata finais de 2022, a participación de 220 iniciativas empresarias nestes espazos coworkings, grazas a un investimento conxunto que supera o millón de euros.

Estes 11 lugares de traballo, destinados a emprendedores e que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, están deseñados para aumentar as posibilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento.

Así, e máis alá do propio espazo, os coworkings ofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio; formación específica, mediante talleres prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.

Os novos espazos configuran, así, un lugar de traballo colaborativo posto a disposición dos concellos, e favorecen o impulso de zonas rurais ao achegarse un programa de alto valor engadido a estas contornas.

Neste marco, durante o presente exercicio súmanse catro novas localizacións, das que tres se atopan na provincia de Ourense -nas comarcas do Carballiño e Valdeorras (con sede na Rúa) e no Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole-, e outra na comarca do Deza (Pontevedra), con sede en Lalín. Así mesmo, mantéñense sete espazos: tres en Lugo (na Ribeira Sacra, con sede en Monforte de Lemos, na Mariña, con sede en Mondoñedo e en Palas de Rei, centrado no Camiño de Santiago); outro máis en Pontevedra, na comarca do Salnés, con sede en Vilanova de Arousa; e tres na Coruña, en Ferrolterra, Santiago e na Costa da Morte, con sede en Cabana de Bergantiños.

Estes espazos empregaranse varias veces por semana, para as sesións de formación e para as titorías co mentor, tendo así flexibilidade suficiente para adaptarse ás posibilidades que poida ofrecer o Concello. Cada edición do coworking terá unha duración aproximada de entre 5 e 6 meses.

Esta iniciativa enmárcase dentro da rede de aceleradoras que apoia o Goberno galego e da que forman parten programas como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future, Connecting For Good Galicia ou as business factories vinculadas á industria da automoción (BFAuto), o sector agroalimentario (BFFood), o aeroespacial (BFAero) ou o de novos fármacos (BFMedicines).

Configúrase así unha decidida aposta polo emprendemento na que cabe destacar, tamén, outros programas e liñas de actuación, como o Galicia Emprende, que no período
2017-2021 ten facilitado a activación de 365 proxectos emprendedores, con máis de 25 millóns en axudas e mobilizando outros 54 millóns; ou o Galicia Rural Emprende, que impulsou 180 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos na súas tres primeiras edicións, concedendo axudas por importe de 11 millóns.