A Xunta destinará 3,5 M€ en 2022 para potenciar a adquisición de vivenda protexida, en centros históricos e no rural e a compra por parte de mozos menores de 35 anos

Salienta que o orzamento para compra de vivenda protexida será de 2 M€, polo que se multiplicará por cinco o investimento do ano anterior

Informa de que a vindeira semana se convocarán as axudas para mercar vivendas en centros históricos por medio millón de euros

Refírese a unha terceira liña de axudas por 1 M€ para apoiar a compra en concellos rurais para os menores de 35 anos como un bo incentivo para facilitar o acceso á vivenda das persoas mozas e apoiar os municipios con menos poboación

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe que o Consello da Xunta vén de analizar as tres liñas de apoio que se activarán en 2022, cun orzamento de 3,5 M€, para potenciar a adquisición de vivenda protexida, así como en centros históricos e no rural, sobre todo por parte de mozos menores de 35 anos. Unhas liñas que, tal e como clarificou, van en consonancia co Pacto Social pola Vivenda 2021-2015 e tiveron moi bo resultado o ano pasado.

Sobre a primeira delas, coa que se impulsará a compra de vivenda protexida cun orzamento de 2 millóns de euros -multiplicando por cinco o do ano anterior-, explicou que as persoas interesadas poderán dispoñer dunha axuda equivalente ao 20% do inmoble cun límite de 20.000 euros no caso de solicitantes menores de 35 e de 12.000 a 16.000 euros no resto de casos.

No tocante aos beneficiarios, sinalou que deberán ser adquirentes ou adxudicatarios dunha vivenda de protección autonómica ou ter subscrito un contrato privado de compravenda visado polo IGVS, ou unha escritura pública que conteña cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda. Ademais, avanzou que mañá se publicará a resolución desta convocatoria e a partir do sábado se abrirá o prazo para solicitar as axudas, ata o 30 de setembro.

En relación á segunda liña, Feijóo salientou que a vindeira semana se convocarán as axudas para mercar vivendas en centros históricos por medio millón de euros. Neste caso, dixo, as contías poderán chegar aos 15.000 euros se os inmobles se localizan nalgún concello con Área Rexurbe, ata 12.800 se o solicitante é menor de 35 anos e a 10.800 no resto dos supostos. Tamén indicou que os interesados terán ata o 30 de setembro para facer as súas solicitudes.

Ao fío disto, explicou que como requisito deberán mercar vivenda nalgún dos medio cento de concellos galegos que teñen centro histórico e ter asinado un contrato privado, ou escritura pública de compra.

Por último, referiuse a unha terceira liña de axudas por 1 millón de euros para apoiar a compra en concellos rurais para os menores de 35 anos, que se publicará en febreiro como un bo incentivo para facilitar o acceso á vivenda das persoas mozas e apoiar os municipios con menos poboación.

Imaxes relacionadas