Galicia aproba a Oferta de Emprego Público docente para 2022, que se acumula á do 2021 ata sumar un total de 2.628 prazas

Feijóo salienta que as probas destas dúas ofertas, que se condensarán nunha única convocatoria, se realizarán a partir do 18 de xuño

Destaca que ante a intención do Ministerio de modificar o sistema de oposicións, decidiuse adiantar a aprobación desta OPE para dar tranquilidade e certezas aos opositores

Salienta que a Xunta convocou nos últimos anos máis de 13.000 prazas, que permitiron renovar un terzo do persoal docente
 

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación da oferta de emprego público docente para este 2022, unha convocatoria que se suma á de 2021 e que supón que este ano se oferten un total de 2.628 prazas.

Logo de salientar que a as probas destas dúas ofertas, que se condensarán nunha única convocatoria se realizarán a partir do 18 de xuño, Feijóo destacou que ante a intención do Ministerio de modificar o sistema de oposicións, Galicia decidiu adiantar a aprobación desta OPE para dar tranquilidade e certezas aos opositores que levan meses preparando os exames conforme ás regras habituais.

Máis polo miúdo, explicou que desas máis de 2.600 prazas docentes en 61 especialidades, o 87% serán de novo ingreso e as restantes, 329, de promoción interna. En canto ás de novo ingreso detallou que 950 son do corpo de mestres, 1.269 para docentes de secundaria, 45 para profesores de escolas de idiomas, 8 de artes plásticas e 27 para docentes do subgrupo A2 que teñan competencias para dar módulos de FP.

A ese respecto, sinalou que esta nova oferta de emprego docente incluirá 144 prazas en especialidades do extinguido corpo de profesores técnicos de FP que se convocarán cando o Ministerio concrete a nova lei de FP.

Ademais, o presidente da Xunta tamén adiantou que no último trimestre do ano se celebrará un concurso de méritos para interinos, adaptado a novo decreto do Ministerio.

Finalmente, Feijóo concluíu a súa intervención poñendo en valor a convocatoria por parte da Xunta nos últimos anos de máis de 13.000 prazas, que permitiu renovar un terzo do persoal docente. “Somos a Comunidade con menor taxa de temporalidade docente do país, un 8% fronte ao 25% da media de España”, remarcou, ao tempo que engadiu que o obxectivo é chegar a unha temporalidade do 6,5%.
 

Imaxes relacionadas