A Xunta recibe no Gaiás os representantes dos festivais de danza contemporánea da Rede Acieloabierto

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta, Jacobo Sutil, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, reuníronse cos responsables da ducia de festivais de toda España que conforman a Red Acieloabierto de danza contemporánea en espazos non convencionais, con motivo da asemblea que celebraron no Gaiás, en Santiago de Compostela, para preparar o seu circuíto de 2022.

Na xuntanza abordáronse as principais accións ao abeiro deste proxecto, que reforza a colaboración entre os eventos que o integran para impulsar a circulación de información, ideas e creacións na procura dun maior desenvolvemento da danza contemporánea. Galicia conta con representación nesta iniciativa a través do festival Corpo(a)terra, que vén contando co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a organización das súas últimas edicións, como a celebrada en 2021 en Gondomar e Allariz.

Imaxes relacionadas