O Instituto Galego de Formación en Acuicultura acolle ao lobo mariño cincento ‘Leis’ para a súa recuperación

A súa estadía nas instalacións do centro dependente da Consellería do Mar durará unhas semanas antes de ser embarcado para a súa liberación

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, acolle desde hoxe ao lobo mariño cincento Leis para a súa recuperación. Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2003 a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) para a recuperación deste tipo de animais que chegan ás costas galegas en mal estado de saúde ou feridos.
Este exemplar macho de lobo mariño foi atopado o pasado 5 de xaneiro no areal de Leis, en Muxía, onde o persoal da Cemma lle fixo seguimento e ao día seguinte, en vistas de que non volvía ao mar e presentaba unha ferida, foi recollido para a súa rehabilitación. O equipo veterinario do centro que a organización ten en Nigrán certificou que se trataba dun exemplar de 22 quilos de peso e un metro de lonxitude que presentaba un cadro de anemia e múltiples feridas e laceracións atribuídas a un ataque dun animal carnívoro terrestre, probablemente un can.

A súa evolución foi favorable, o que lle permitiu gañar peso e quedar fóra de perigo, polo que superou a primeira fase da recuperación e se procedeu a trasladalo ao Igafa para superar a segunda fase, a previa á súa liberación no medio natural.

Deste xeito, Leis permanecerá varias semanas nunha piscina exterior de auga corrente salgada do Igafa e posteriormente será embarcado para a súa solta en alta mar. A manutención e a atención sanitaria do mamífero corresponderalle á Cemma, que contará coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do centro dependente da Consellería do Mar. De feito, este tipo de estadías de exemplares de lobo mariño adoitan aproveitarse para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños.

Cabe lembrar que o Igafa xa ten participado na recuperación de 11 exemplares de crías de lobos mariños nos anos 2013, 2014, 2016, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2021. Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental e de adquisición de coñecementos para o mantemento e recuperación de especies mariñas.

O último exemplar de lobo mariño que pasou polo Instituto Galego de Formación en Acuicultura antes de Leis foi Rube, un exemplar de lobo mariño cincento que chegou ás instalacións do centro o 17 de novembro de 2020 e foi liberado o 21 de xaneiro do ano pasado en augas de Gran Sol tras completar favorablemente a súa recuperación. O Igafa tamén colaborou o ano pasado na recuperación da tartaruga Nbego, que quedou atrapada a finais de abril nas redes dun barco fronte ás costas de Cariño e foi liberada en xullo tras pasar pola UCI da Cemma e polas instalacións do Igafa e evolucionar favorablemente ata acadar as condicións óptimas para ser devolta ao medio natural.

Imaxes relacionadas