Galicia supera en 2021 o récord histórico de exportacións sumando máis de 23.000 millóns entre xaneiro e novembro e á espera da cifra de decembro

Nos once primeiros meses do ano pasado, as vendas ao exterior da Comunidade incrementáronse un 22,2% con respecto a 2020, ata o punto de que as exportacións galegas marcan xa un novo récord e suman, entre xaneiro e novembro de 2021, máis de 23.000 millóns

Novembro volve ser un bo mes para as exportacións galegas, medrando máis dun 17% en comparación co mesmo período do ano 2020

Este incremento permite a Galicia contar cunha balanza comercial positiva en preto de 4900 millóns de euros entre xaneiro e novembro de 2021, a mellor de España en termos absolutos

As empresas exportadoras tamén acadan un novo récord, chegando ás 8855

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022

Galicia segue a mellorar os resultados positivos das súas vendas ao exterior, ata o punto de que as exportacións galegas marcan un novo récord e suman, entre xaneiro e novembro de 2021, máis de 23.000 millóns de euros. A cifra, que non se acadara ata o de agora nun exercicio completo no conxunto da serie histórica, permite superar por quinto ano consecutivo os 20.000 millóns de euros en exportacións, acadando un novo teito á espera de pechar 2021 coas cifras do último mes de decembro.

Neste sentido, e tal e como amosan os últimos datos dispoñibles publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), as exportacións galegas aumentaron, entre xaneiro e novembro do ano pasado, nun 22,2%, ata acadar os 23.122 millóns.

Ademais, a porcentaxe de incremento das exportacións da Comunidade nestes once primeiros meses de 2021 sitúanse un punto por riba da media estatal (+21,2%), situándose Galicia como a sexta comunidade na que máis medran as exportacións no que vai de exercicio. Este incremento permite a Galicia contar cun saldo favorable de 4.858,5 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas entre xaneiro e novembro, sendo a comunidade autónoma con maior saldo comercial en termos absolutos, mentres que en España a balanza continúa en números vermellos.

No que respecta aos datos interanuais de novembro, as vendas ao exterior aumentaron este mes un 17,2% con respecto a novembro do ano pasado, sumando nesta ocasión 2.463,9 millóns de euros.
No tocante ás empresas exportadoras, no período xaneiro-novembro tamén marcan un novo récord, chegando ás 8855.
Pola súa banda, entre os sectores que están detrás do ascenso das exportacións no acumulado dos once primeiros meses figuran o téxtil, cunha suba do +36,2%; a automoción, cun incremento do +7,1% con respecto ao ano pasado na venda de automóbiles; e a industria metalúrxica, cun aumento do +51%.
Por países, todos os estados cos que o peso do comercio galego é significativo aumentan, producíndose, no marco da Unión Europea, importantes ascensos nos principais compradores en relación ao mesmo período do ano anterior: Italia (+40,7%), Alemaña (+24,4%), e Portugal (+19%), e tamén destacan outros destinos como Marrocos (+67,9%) ou Estados Unidos (+62,7%)

O apoio da Xunta de Galicia


Na procura de acompañar este traballo das empresas no actual contexto e de contribuír á súa recuperación económica, a Xunta de Galicia conta cunha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025 para facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial da Comunidade e que ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

A Estratexia contempla, como primeiro paso, un plan de acción inicial para o período
2021-2023 que suma máis de 70 millóns de euros para impulsar a recuperación económica do tecido empresarial galego. Un programa que se sustenta sobre catro piares: o fomento da innovación, a atracción de talento galego internacional, o acompañamento ao tecido empresarial e a difusión de casos de éxito.

A través desta Estratexia, a Xunta de Galicia aspira a manter e reforzar a súa colaboración co tecido produtivo galego, mellorando a súa competitividade a través da internacionalización e a dixitalización.

Imaxes relacionadas