Tres concellos da comarca viguesa -Mos, Porriño e Salceda- renovan as súas infraestruturas deportivas cunha achega de máis de 90.000 euros

En Mos levouse a cabo unha pista polideportiva e adquiriuse equipamento para os ximnasios dos Campos de Fútbol das Baloutas e Coto Torrón e do pavillón Óscar Pereiro, mentres que en Porriño e Salceda instaláronse senllos vídeo marcadores

Neste exercicio 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte destina 11,3 millóns de euros para obras de construción e reforma de infraestrutura deportiva, un 24% máis que o destinado en 2021 (9,15 millóns) e que xa ascendera un 118% con respecto a 2020

Mos, Porriño e Salceda de Caselas (Pontevedra), 19 de xaneiro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe tres concellos da comarca de Vigo onde a Xunta de Galicia levou a cabo obras de renovación das súas infraestruturas deportivas a tenor dos convenios de colaboración asinados cos gobernos locais. Neste sentido, as obras levadas a cabo nos concellos de Mos, Porriño e Salceda de Caselas acadaron un presuposto total de máis de 90.000 euros.

En primeiro lugar, o mandatario galego visitou, da man da alcaldesa Nidia Arévalo, o concello de Mos, onde a pista polideportiva de San Rafael foi obxecto de obras por importe de 20.000 euros (19.986,58 euros), sendo achegados o 88% pola Xunta (17.755,96 euros) e o restante 12% polo concello (2.230,62 euros). A pista multideporte multifunción para práctica de varios deportes ten unhas dimensións de 22 por 44 metros e está preparada para o xogo ao aire libre para a práctica de fútbol, baloncesto, voleibol e balonmán. Conta con portarías antivandálicas e taboleiros de baloncesto antivandálicos con aros.

Ademais, tamén no Concello de Mos, a Xunta de Galicia asinou outro convenio de cooperación para a adquisición de equipamento para diferentes instalacións municipais por importe doutros 20.000 euros (19.474,66 euros). Do total deste importe, a Xunta achegou o 88% (17.244,04 euros) e o concello o restante 12% (2.230,62 euros). Grazas á sinatura deste convenio, creáronse dúas salas de ximnasio novas no Campo de Fútbol das Baloutas e no Campo de Fútbol Coto Torrón e, ademais, aumentouse o número das máquinas de exercicio existentes no Ximnasio do Pavillón Óscar Pereiro, así como a mellora e adquisición de novos elementos para a piscina.

Videomarcadores para Porriño e Salceda


Acompañado polo alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Alonos, Lete Lasa visitou a continuación o Pavillón polideportivo municipal, onde Xunta e concello instalaron unha pantalla led deportiva cun orzamento de 25.000 euros, sendo achegados o 80% pola Secretaría Xeral (20.000 euros) e o restante 20% polo concello (5.000 euros). Lete Lasa destacou a importancia deste videomarcador para as principais entidades que utilizan o pavillón como Balonmán Porriño, Baloncesto base Porriño, Patín Porriño, Ximnasia Rítmica Porriño, Kung Fu Porriño así como as Escolas deportivas municipais que suman, en total, preto de 1.300 deportistas (1.298). Do mesmo xeito, secretario xeral e alcalde visitaron outras instalacións deportivas do concello na procura de novas vías de colaboración.

No Concello de Salceda de Caselas, onde visitou o pavillón municipal da man da alcaldesa, Verónica Tourón, o videomarcador instalado tivo un custo de 26.335,65 euros, achegados no seu 76% (20.000 euros) pola Xunta e o 24% restante polo concello (6.335,65 euros). No pavillón municipal de Salceda é utilizado semanalmente por máis de medio milleiro de deportistas (515) das Escolas Deportivas Municipais de Salceda, o CB Caselas ou o BM Caselas entre outros.

O videomarcador deportivo LED ten un tamaño duns 10 m2, con tecnoloxía de última xeración para uso en interiores, cunha resolución pixel pitch 4,8 mm e de tecnoloxía led SMD. Conta cun ordenador de control con software específico para procesador led e software específico para uso de marcador; superficie gráfica da pantalla led deportiva de 10 m2; consola deportiva para manexo de marcador; estrutura para fixación da pantalla; bocina; xogo de dous marcadores de posesión, homologados por FIBA e consola de posesión.
Neste exercicio 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento inicial de 32.489.463 euros que sobe lixeiramente sobre o inicial de 2021 (32.474.216 euros). Deste total, a contía destinada para obras de construción e reforma de infraestrutura deportiva acada os 11,3 millóns de euros, un 24% máis que o destinado en 2021 (9,15 millóns) e que xa ascendera un 118% con respecto a 2020.

Imaxes relacionadas