A Xunta e o Consello da Cultura Galega reforzan a súa colaboración en materia de igualdade

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, asinaron hoxe un acordo para a promoción da igualdade ao que se destinan 22.000 euros

No marco do mesmo deseñarase unha guía de resposta fronte a violencia de xénero, unha exposición sobre a realidade LGTBIQ+ e unha campaña sobre mulleres filósofas

A iniciativa enmárcase nas actuacións que Galicia desenvolve cos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega colaborarán na elaboración dunha guía de resposta institucional e asociativa contra a violencia de xénero e na posta en macha de campañas sobre a realidade LGTBIQ+ en Galicia e de proxección das mulleres filósofas. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco, asinaron hoxe un acordo, dotado con 22.000 euros, co que ambas as dúas entidades unen forzas na loita e a sensibilización social fronte á violencia de xénero e na igualdade independentemente da orientación ou condición sexual.
A colaboración hoxe referendada forma parte das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero desenvolvidas pola comunidade dando resposta a dous dos seus obxectivos: desenvolver campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero, poñendo como exemplo a mulleres fortes e valentes, e contribuír a visibilizar con estas actuacións ás mulleres maiores.
Entre as actuacións previstas editarase unha guía-itinerario de resposta institucional e asociativa contra a violencia de xénero. Tamén se promoverá unha campaña de proxección de mulleres filósofas referentes e unha exposición sobre a realidade LGTBIQ+.
O acordo, remarcou Lorenzana, supón “un paso máis na moi necesaria visión integral e actuación conxunta que debemos adoptar no eido da loita contra a violencia de xénero”.

Exposición

Xa o ano pasado a Xunta colaborou co Consello para mellorar o coñecemento sobre a situación dun colectivo especialmente vulnerable como é o LGTBIQ+. Nesta ocasión promoverase unha campaña que participarán expertos universitarios e do Consello, e membros das entidades que representan ao colectivo. Realizarase así unha exposición para achegar aos espazos educativos unha reflexión sobre os conceptos básicos do movemento, as súas reivindicacións nas últimas décadas e os logros acadados. Está previsto inaugurala o próximo mes de xuño.
“Na educación e na concienciación está a porta de entrada para que a proclama da igualdade vaia calando na sociedade, tamén nas xeracións máis mozas, que son as que van recoller e materializar esta testemuña de cambio”, manifestou no acto a conselleira de Emprego e Igualdade, quen avogou por unha sociedade “libre de prexuízos e de estereotipos, libre de violencia, onde vivir en plena igualdade e liberdade sexa posible”.

Imaxes relacionadas