O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta leva investido nos últimos 10 anos máis de 18,6 M€ en actuacións para garantir a conservación e mellorar a seguridade nas pontes e obras de paso das estradas autonómicas

Francisco Menéndez concreta que estas intervencións se enmarcan no programa pioneiro de xestión de pontes e obras de paso (XOPA) activado pola Xunta

Refírese ao contrato en vigor ata o ano 2024, licitado por case 1,5 M€, co que se prevé realizar 1.634 inspeccións principais nestas infraestruturas das vías autonómicas

Precisa que ata agora se realizaron 717 inspeccións, empregando medios auxiliares como grúas, buzos, barcos ou drons

A Xunta tamén activou un novo programa para inspeccionar 600 noiros e muros situados na rede autonómica de estradas de Galicia
 

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, salientou no Parlamento que a Xunta leva investido 18,6 millóns de euros nos últimos 10 anos en actuacións para garantir a conservación e reforzar a seguridade das pontes e obras de paso das estradas autonómicas.

Menéndez concretou que estas intervencións están enmarcadas no programa pioneiro de xestión de pontes e obras de paso (XOPA) activado pola Xunta para avaliar o estado de conservación destas estruturas e asegurar o nivel de prestacións e a seguridade dos usuarios.

Detallou que só 10 estruturas necesitaron unha inspección especial previa á redacción e execución do proxecto de rehabilitación e só se requiriu unha obra de emerxencia por deterioración de estruturas en obras de paso da rede de estradas autonómica.

Referiuse ao contrato en vigor ata o 2024, licitado por case 1,5 millóns de euros, co que se prevé realizar 1.634 inspeccións principais nestas infraestruturas das vías autonómicas.

Precisou que no marco deste contrato, ata o de agora se teñen realizado 717 inspeccións, cumprindo co programa previsto, e empregando medios auxiliares como grúas, pero tamén buzos, barcos ou drons.

Estes traballos inclúen informes de inspección que recollen os danos observados en cada estrutura, que se obtén ponderando aspectos de seguridade estrutural, durabilidade, comportamento en servizo, seguridade do usuario ou o sistema de contención.

Esa información rexístrase nunha aplicación informática que permite tomar decisións sobre a realización de inspeccións especiais ou proxectos de reparación das estruturas.

Engadiu que derivado da boa experiencia do sistema XOPA, a Xunta comezou recentemente un novo programa, de inventario e inspección de noiros e muros na rede autonómica de estradas de Galicia, co obxectivo de avaliar a conservación de noiros e sistemas de contención das vías.

O Goberno galego destina máis de 570.000 euros á contratación dun programa de servizo para o inventario e inspección principal de 600 noiros e muros situados na rede autonómica de estradas de Galicia.

Os traballos iniciáronse no último trimestre de 2019 e consisten na realización do inventario e inspección principal de noiros e muros. A día de hoxe inspeccionáronse 120 noiros.

O director sinalou que ao igual que no caso das obras de paso, estase a elaborar a “Guía para o establecemento dunha metodoloxía para a xestión de noiros e muros nas estradas autonómicas”.

Imaxes relacionadas