A Xunta concede aos concellos galegos 17,2M€ en axudas para financiar os servizos sociais municipais

O Plan Concertado permitirá incrementar para a contratación de persoal en 85 Concellos, para o que se destinarán 1,3 millóns de euros máis

Estas axudas están orientadas na súa maioría á contratación de persoal así como ao financiamento do SAF básico, ao funcionamento das escolas infantís municipais e a programas sociocomunitarios
 

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022

A Xunta concedeu aos Concellos galegos 17,2 millóns de euros en axudas para financiar os servizos sociais municipais. Estas achegas, enmarcadas dentro do Plan Concertado, irán destinadas na súa maioría á contratación de persoal e á posta en marcha de programas de atención como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico, o funcionamento das escolas infantís de titularidade municipal e a programas sociocomunitarios.

O Plan Concertado incrementouse en 3 millóns de euros con respecto ao ano anterior, é dicir, nun 20%. A maior parte da contía, 12,3 millóns de euros, irá dedicado ao cofinanciamento do persoal dos servizos sociais comunitarios de todos os Concellos de Galicia, trátase dun 12,5% máis que o ano pasado (1,3 millóns de euros). Este incremento permitirá que 85 Concellos aumenten o seu persoal. Deles, 25 son da provincia da Coruña, 19 da provincia de Lugo, 16 da provincia de Ourense e 15 da provincia de Pontevedra.

Ademais, o Plan Concertado servirá para renovar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico e para o funcionamento das escolas infantís municipais e a compensación pola aplicación da gratuidade. Así mesmo, este plan tamén se incrementa en preto de 300.000 euros para a posta en marcha de novos programas en 22 Concellos. Deles, cinco son da provincia da Coruña, oito na provincia de Lugo, sete en Ourense e dous en Pontevedra.
 

Imaxes relacionadas