Lete Lasa presenta a Copa da Raíña de Voleibol de Lugo como "a gran festa nacional do deporte feminino"

Asegura que, eventos desta índole, contribúen ao incremento das licenzas galegas de voleibol que, desde 2009 medraron un 51% ata acadar preto de 3.500 e as femininas, que representan o 71% do total, subiron aínda máis, un 59% ata preto de 2.500

Lugo, 18 de xaneiro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou no día de hoxe, acompañado polo delegado da Xunta na provincia, Javier Arias, a XLVII Copa da Raíña de Voleibol que enfrontará do 11 ao 13 de febreiro no Pavillón Municipal de Lugo aos seis mellores equipos do panorama nacional: Gran Canaria Urbaser, CV Kiele Socuéllamos, Sanaya Libbys La Laguna, DSV Sant Cugat, Osacc Haro Rioja Vóley e o Arenal Emevé como anfitrión da competición.

Lete Lasa destacou o gran traballo en prol do deporte que fai o Emevé, que naceu no ano 1983 e que na actualidade conta cos seus dous equipos absolutos -masculino e feminino- nas súas respectivas máximas categorías nacionais. O secretario xeral lembrou que as siglas do club significan ‘El Mejor Equipo de Voleibol de España’ e asegurou que a familia Bouza non estaba moi equivocada xa que o ano pasado o Emevé disputou o I Torneo Internacional de Voleibol Feminino Xacobeo 21-22 como o único club do Noroeste peninsular na máxima categoría. O mandatario galego asegurou que este torneo, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, “terá novas edicións nas que o Emevé será sempre un candidato”.

O secretario xeral para o Deporte aseverou que, eventos desta índole, contribúen ao incremento das licenzas deportivas e informou de que, dende 2009, as licenzas galegas de voleibol medraron un 51% ata acadar preto de 3.500 e as femininas, que representan o 71% do total, subiron aínda máis, un 59% ata preto de 2.500.

De seguro que, tras esta Copa da Raíña que será a “gran festa nacional do deporte feminino”, moitos nenos e nenas quererán imitar a Yael Castiglione ou Ainara Burgo. Pero tamén, dixo, é importante que moitas mulleres e homes queiran imitar a dirixentes como Bibi Bouza, “que se dedica en corpo e alma a este equipo e que cada día recolle froitos do seu traballo”.

Imaxes relacionadas