A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza o inicio da actuación este verán co obxectivo de rematala no primeiro semestre de 2023

A Xunta licita por 5,3 M€ as obras de mellora da depuradora de Tragove, que permitirán case duplicar o caudal de tratamento das augas residuais dos concellos de Cambados e de Vilanova de Arousa

Adecuaranse os tratamentos secundario e terciario e incrementaranse os caudais de recirculación, purga e deshidratación de fangos, ademais doutras melloras relacionadas coa obsolescencia de equipos, sistemas e instalacións da actual planta de tratamento

Dotarase a depuradora dun sistema de monotorización enerxética e incluirase unha proposta de integración paisaxística e arquitectónica para a súa adaptación á contorna

Vázquez Mourelle destaca o investimento de 6,25 M€ máis noutras dúas obras de mellora do saneamento en Cambados e Vilanova, para resolver as deficiencias no sistema mancomunado de saneamento destes municipios que ten destino final en Tragove

Cambados (Pontevedra), 18 de xaneiro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación hoxe, por 5,3 M€ das obras de mellora da depuradora de Tragove, en Cambados, que permitirá case duplicar o caudal de tratamento das augas residuais dos concellos de Cambados e de Vilanova de Arousa.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, achegouse esta mañá ás instalacións da planta de tratamento de augas residuais de Tragove, onde presentou esta actuación que permitirá unha maior eficiencia e eficacia no tratamento de augas residuais destes dous municipios da ría de Arousa. As obras enmárcanse no convenio asinado entre a Xunta e estes dous concellos no mes de novembro para a xestión da depuradora, de titularidade destes municipios, un acordo polo que Augas de Galicia continúa a asumir a xestión desta infraestrutura.

Ethel Vázquez avanzou as obras de mellora da depuradora se iniciarán no verán. Teñen un prazo de execución de 15 meses, polo que o obxectivo é que no primeiro semestre de 2023 os veciños de Cambados e de Vilanova dispoñan dunha depuradora mellorada e renovada. As empresas interesadas na execución dos traballos teñen ata o 25 de febreiro para presentar as súas ofertas.

A intervención licitada hoxe suporá, entre outras melloras, adecuar o tratamento secundario e terciario. Unha vez executados os traballos, o caudal de tratamento secundario e terciario, pasará de 750 m³/h actuais a 1.200 m³/h.

Ethel Vázquez detallou que se ampliará a capacidade de decantación secundaria e se incrementarán os caudais de recirculación, purga e deshidratación de fangos, ademais doutras melloras relacionadas coa obsolescencia de equipos, sistemas e instalacións da actual planta, construída no ano 1993 e que, a pesar das diversas melloras realizadas, precisa dunha actualización.

A intervención inclúe o desmantelamento de equipos obsoletos e demolicións, ademais de nova obra de entrada e canles de tamizado, actuacións no desareador e clasificador de areas, outras reparacións e saneos, e a mellora dos reactores biolóxicos. Tamén se executará un novo edificio de entrada, arquetas e novos decantadores, bombeos de fangos e novos edificios de deshidratación, de control e almacén e de soplantes.

A conselleira subliñou que se dotará a depuradora dun sistema de monotorización enerxética, importante tendo en conta a suba da tarifa eléctrica e que este tipo de infraestruturas son claramente dependentes da enerxía, lembrou. Ademais o proxecto inclúe unha proposta de integración paisaxística e arquitectónica, para unha mellor adaptación á contorna.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa operativo 2014-2020.

Outros 6,35 M€ para a mellora do saneamento de Cambados e de Vilanova

Ethel Vázquez indicou que estas obras se verán complementadas coas que a Xunta executará para a mellora do saneamento municipal de Cambados e de Vilanova de Arousa, recollidas nun segundo acordo asinado tamén en novembro.

A Xunta investirá un total de 6,25 M€ máis en dúas actuacións de mellora do saneamento, que xunto coa obra licitada hoxe, permitirán laminar o caudal que entra na depuradora e resolver as deficiencias no sistema mancomunado de saneamento que comparten estes dous municipios e que ten destino final a depuradora de Tragove.

Vázquez Mourelle concretou que as obras de mellora do saneamento de Cambados se licitarán neste primeiro semestre, contando coa axilidade do Concello para a achega da documentación municipal necesaria. No caso de Vilanova, estase pendente da autorización de Costas do Estado, polo que demandou axilidade máxima e desbloqueo do organismo estatal paran poder executar a mellora do saneamento e evitar a perda de fondos.

Ethel Vázquez puxo en valor os investimentos da Xunta en apoio aos concellos nas súas competencias municipais e para avanzar no saneamento integral da ría de Arousa, esencial para a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo, ademais de para o medio ambiente e a saúde pública. Lembrou, nesta liña, o compromiso da Xunta de investir 33 M€ na mellora do saneamento municipal en Vilagarcía, que se licitará en breve, e tamén na futura ampliación da depuradora.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade referiuse, por último, á Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga que impulsa a Xunta, “por responsabilidade ambiental e social”, co obxectivo de afondar no apoio aos concellos nunhas competencias que son complexas, garantindo a calidade e a eficiencia nos servizos de abastecemento, saneamento e depuración aos veciños e acadando unha xestión máis profesionalizada da auga.

Imaxes relacionadas