A Xunta reforza o seu impulso a San Martiño Pinario, que sumará novos espazos museísticos e expositivos

O conselleiro de Cultura anuncia o inicio do proxecto incluído no Plan Director do Mosteiro para restaurar o pavillón historicista e empregalo para usos culturais

Román Rodríguez afirma que se reforza a “relación estratéxica de intervención e mellora progresiva” que a Xunta está a levar a cabo neste ben, despois de elaborar o Plan Director, declaralo BIC e poñer en marcha unha ampla programación cultural

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro do 2022

A Xunta de Galicia reforzará o seu impulso para a promoción, divulgación e coñecemento do Mosteiro de San Martiño Pinario e facilitará que sume novos espazos museísticos e expositivos. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor de San Martiño Pinario, Carlos Álvarez, veñen de anunciar o inicio dun dos proxectos incluídos no Plan Director do conxunto monástico que suporá a posta en valor do seu pavillón historicista. A intención é destinar este espazo -situado nas zonas abertas do interior do Mosteiro- a usos expositivos, museísticos e culturais.

“Afianzamos os pasos dados para seguir acreditando o valor sobranceiro deste ben”, expresou o conselleiro. Como indicou, desde hai anos, a Xunta mantén unha “relación estratéxica de intervención e mellora progresiva do Mosteiro de San Martiño Pinario”. “Comezamos elaborando un Plan Director, fixemos a declaración BIC do Mosteiro e preto de 200 bens mobles do seu interior, puxemos en marcha unha programación cultural e agora damos un paso cualitativo na súa posta en valor”, expresou.

Así, a partir deste Plan Director, solicitáronse unha serie de intervencións, asociadas á iniciativa do 1,5% cultural do Ministerio de Transportes e Axenda Urbana, que van mellorar o recinto. Entre elas, inclúese a presentada hoxe, para a que a Xunta e Igrexa achegan a contía que non é financiada polo Estado e posibilitar a súa posta en marcha.

Recuperación e adaptación de espazos

O proxecto consistirá na rehabilitación e posta en valor do pavillón historicista, un espazo situado nas zonas abertas do interior do conxunto monacal. Data do funcionamento do Seminario Maior do século XIX e no que se viron realizando nos últimos anos actividades de cantería e manexo dos materiais pétreos e serviu de almacén de pezas.
Recuperarase a tipoloxía construtiva orixinal, liberaranse espazos ocupados polas construcións de ladrillo recentes e as instalacións e servizos dos obradoiros de cantería e carpintería.

Proponse, tamén, a recuperación da estrutura de ferro fundido, a de tesoiras de madeira e a restauración dos muros de pedra que a sosteñen. Dotaranse dun peche transparente e diáfano, construirase unha entreplanta para diferenciar superficies e completarase con instalacións e espazos auxiliares.

Imaxes relacionadas