A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo da rolda leste de Ourense entre Bemposta e a N-525, que pechará a circunvalación polo sur conectando coa A-52

O contrato foi adxudicado por preto de 125.000€ e cun prazo de execución de 16 meses

Definirase o detalle desta infraestrutura estratéxica para os concellos de Ourense e de San Cibrao das Viñas, e con funcionalidade en toda a área, que suporá un investimento autonómico de 6 M€

A actuación permitirá reforzar a seguridade viaria, sacando tráfico do centro de Ourense e desconxestionando rúas como Marcelo Macías ou a avenida de Zamora

A intervención sumarase ao acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas desde a A-52, en servizo hai máis dun ano cun investimento da Xunta de 22 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2022

A Xunta adxudicou a redacción do proxecto construtivo da Rolda Leste de Ourense, entre a estrada OU-105 en Bemposta e a N-525, que suporá pechar a circunvalación polo sur conectando coa A-52.
Este contrato, adxudicado á empresa Novotec Consultores, S.A. por un importe de preto de 125.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e terá un prazo de 16 meses.
O obxectivo da Xunta e impulsar esta actuación estratéxica para os concellos de Ourense e de San Cibrao das Viñas, pero tamén con funcionalidade para toda a área.

Os traballos obxecto deste contrato inclúen o período de información pública, a redacción do proxecto construtivo e os informes das distintas administracións, xa que serán preceptivos informes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, de Adif ou da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

O trazado desta actuación xa estaba previsto no Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense, aprobado polo Consello da Xunta no ano 2014.

A intervención, que suporá un investimento da Xunta de 6 millóns de euros, prevé reducir o tempo de viaxe, cun acurtamento do percorrido desde Bemposta ata a N-525 e a A-52, pasando dos 7 minutos e 4,6 km actuais a pouco máis de 1 minuto e 1,7 km.

Tamén suporá un reforzo da seguridade viaria, ao sacar tráfico do centro de Ourense, desconxestionando o tránsito doutras rúas como Marcelo Macías ou a avenida de Zamora.

Definición da intervención

Os traballos adxudicados para a redacción do proxecto construtivo consisten na definición da intervención, que comezará en Bemposta, cunha glorieta na confluencia das dúas estradas OU-105 e OU-510 e finalizará con outra rotonda que dará acceso ao enlace Ourense sur da A-52, xa en San Cibrao. Ambas as glorietas enlázanse mediante un trazado de 1,7 km, configurando unha estrada dun carril por sentido.

A execución desta nova vía exixe a construción dunha ponte sobre o río Barbaña, de 70 metros de lonxitude; un muro de contención no camiño baixo a ponte; un paso baixo o ferrocarril e outro paso para dar continuidade a camiños.

Trátase de dar continuidade á estrada autonómica OU-510, no treito Rairo-Bemposta co obxectivo de pechar a circunvalación de Ourense polo sur. Prolongarase a estrada OU-510, que une a OU-536 no Ceboliño coa OU-105 en Bemposta, para conectala coa N-525 e coa A-52, completando un viario de circunvalación perimetral da cidade que dará funcionalidade ao conxunto da área de Ourense.

Esta infraestrutura sumarase ao acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas desde a A-52, en servizo hai algo máis dun ano, logo dun investimento da Xunta de 22 M€.