A secretaria xeral técnica respondeu a unha pregunta sobre o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

Galicia defende unha tramitación máis simple e áxil dos fondos europeos para aumentar a execución e o acceso a eles do sector marítimo-pesqueiro

O Executivo galego expón as dificultades existentes pola superposición das normativas europea, estatal e autonómica non só relativas ao FEMP senón tamén á concesión de axudas e á tramitación administrativa

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar lembra que se trata dunha lexislación complexa, confusa e mesmo incoherente que deriva nun atraso xeneralizado da tramitación

A Xunta lembra que entre os potenciais beneficiarios dos fondos marítimo-pesqueiros non se atopan as mariscadoras a pé a título individual nin as empresas que realizan a primeira venda dos produtos do mar

A comunidade ve inxustificada a incompatibilidade no uso de fondos de diferente procedencia, ao ser excluíntes, e avoga por unha maior coherencia entre os prazos temporais administrativos e orzamentarios cos biolóxicos e operativos do sector

Silvia Cortiñas subliña que Galicia leva traballando desde a aprobación do actual FEMP para axilizar e simplificar a súa tramitación e realizou distintas xestións ante as institucións europeas para que o futuro Fempa sexa máis simple, áxil e acorde á realidade dos distintos elos da cadea mar-industria galega
 

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2022

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, expuxo hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento as dificultades de tramitación que implica o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que complican a súa execución e dificultan o acceso aos fondos dos seus potenciais beneficiarios. A representante do Executivo galego incidiu en que xa se logrou avanzar nalgúns aspectos, pero que aínda é preciso traballar na súa simplificación tendo en conta que as complicacións para a súa execución son dobres ao ter que compaxinar accións para impulsar a actividade co equilibrio ambiental.
Silvia Cortiñas lembrou que o fondo xa tardou en botar a andar pola demora na publicación do regulamento que o rexe así como polo retraso na aprobación tanto do programa operativo de España como dos criterios de selección dos proxectos, o que fixo que non comezase a súa utilización ata 2016, dous anos despois da súa teórica entrada en vigor.
A secretaria xeral técnica subliñou que a execución do fondo se topa con numerosos problemas, como as dificultades para axilizar os trámites froito da superposición das normativas europea, estatal e autonómica, non só relativa ao FEMP senón tamén á concesión de subvencións e axudas e á tramitación administrativa. Esta situación, incidiu, obriga ao cumprimento dunha normativa complexa, confusa e mesmo incoherente que obriga nalgúns casos a que os solicitantes de axudas precisen ata oito documentos distintos de catro organismos ou administracións diferentes.
A representante da Consellería do Mar salientou que esa cadea de obrigas superpostas deriva nun atraso xeneralizado da tramitación e en dificultades serias de execución dos fondos dentro do período anual establecido, o que deriva na complexidade de xestión inicial e resolución das solicitudes, na dificultade de execución material por parte do beneficiario e nos problemas para a comprobación e pago por parte do órgano xestor en tan curto espazo de tempo.
Silvia Cortiñas tamén apuntou á falta de claridade en distintos termos aplicables á concesión das axudas que obrigan a realizar consultas constantes á Comisión Europea e que mesmo teñen clarificado interpretacións diferentes do mesmo asunto que fan variar o obxecto e alcance dos aspectos subvencionables. Neste sentido, destacou aspectos como a limitación imposta por Bruxelas ao aumento da capacidade pesqueira dos buques, unha interpretación que se aplica a moitas propostas de melloras a bordo dos pesqueiros para aumentar a calidade de vida dos mariñeiros e que limita en boa medida a concesión de axudas neste eido malia non implicar un maior esforzo pesqueiro.
A secretaria xeral técnica fixo referencia ademais á ausencia de potenciais beneficiarios do FEMP como poden ser as mariscadoras a pé a título individual, para adquirir equipamentos persoais como neoprenos ou ferramentas, ou o veto para as empresas de máis de 250 traballadores ou 50 millóns de euros de facturación, que poderían exercer de locomotoras do sector en aspectos como a I+D+i ou a Responsabilidade Social Corporativa. A eles engadiu a exclusión como posibles beneficiarios de axudas das empresas comercializadoras, o que fai que firmas dedicadas á primeira venda se vexan imposibilitadas ou limitadas a recibir o apoio de fondos europeos.

Incompatibilidades

A representante da Consellería do Mar tamén citou os obstáculos e as trabas existentes pola incompatibilidade no uso de fondos europeos de diversa procedencia, o que impide financiar diferentes partes dun proxecto con fondos diferentes sen que estes sexan excluíntes entre si. De feito, subliñou, esa sinerxía entre diversos ámbitos produtivos ou comerciais -como é o caso dos produtos alimentarios- fomentaría o concurso de maior número de produtores e a obtención de sinerxías entre si.
Outra das dificultades existentes na actualidade é a dificultade para realizar adiantos de fondos sobre o pago final, fundamental para aqueles promotores con importantes problemas de liquidez ou xeración de gastos de financiamento derivados do investimento, o que leva a que se rexistre un importante número de solicitantes que desisten. Silvia Cortiñas engadiu outros problemas como a falta de conexión e coherencia entre os prazos temporais administrativos e orzamentarios cos biolóxicos e operativos do sector.
Ante esta situación, Galicia leva traballando desde a aprobación do actual FEMP para simplificar e axilizar a tramitación naqueles aspectos máis prexudiciais para o acceso do sector aos fondos e realizou numerosas aportacións ás institucións europeas co obxectivo de que o futuro Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) sexa máis simple, áxil e acorde á realidade de todos os elos da cadea mar-industria de Galicia.
Neste sentido, a secretaria xeral técnica salientou que o labor desenvolvido por Galicia desde a aprobación do FEMP contribuíu a mellorar a súa aplicabilidade coa consecución de melloras como a retirada das embarcacións de artes menores das frotas consideradas en desequilibrio, unha correcta definición do termo “innovación” no cultivo dos recursos mariños, unha aplicación máis axeitada do concepto “aumento da capacidade pesqueira do buque” ou a inclusión de colectivos ou segmentos de actividade, como o marisqueo a pé, na posibilidade de acceso a axudas durante a alerta sanitaria pola covid-19, entre outras.
 

Imaxes relacionadas