Os traballos de remate das obras da ponte sobre o río Grande en Baio obrigan a un corte do tráfico rodado desde este mércores e ata última hora do venres

Durante os labores de pulido do aglomerado da calzada e a colocación das xuntas de dilatación do taboleiro da ponte manterase operativo o paso para os peóns, habilitándose o correspondente desvío do tráfico pola vía de alta capacidade VG-1.5

Desde este luns estase a pavimentar a beirarrúa da marxe dereita para continuar, a finais de semana, coa da marxe contraria e, posteriormente, co pavimento de loseta para completar o itinerario peonil ata as beirarrúas existentes

As obras finalizarán coa instalación da sinalización e marcas viarias, que está previsto realizar a principios do mes de febreiro

A Xunta inviste 328.000€ na rehabilitación da ponte para poñer en valor a estrutura e a contorna, tanto as beirarrúas, como as marxes do río e os treitos de acceso á ponte
 

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2021

Os traballos para rematar as obras de ampliación da ponte sobre o río Grande en Baio, no concello de Zas, obrigan a un corte de tráfico desde este mércores, día 19, e ata última hora deste mesmo venres, día 21.

Durante a execución das obras manterase operativo en todo momento un paso para os peóns. Para facilitar o tráfico de vehículos, habilitarase a correspondente sinalización para desviar o tráfico pola vía de alta capacidade VG-1.5.

Segundo a programación dos traballos, o mércores 19, agardándose que a previsión meteorolóxica sexa favorable e se dean as condicións necesarias de temperatura e ausencia de choivas, está previsto iniciar os traballos de pulido do aglomerado da calzada e a colocación das xuntas de dilatación do taboleiro da ponte.

Tal e como se anticipou no seu día aos representantes municipais e dos empresarios da comarca nas reunións previas, para estes traballos é necesario realizar o corte da circulación de vehículos sobre a ponte. A previsión é que o tráfico se poida reanudar con normalidade en ambos os carrís a última hora do venres 21, sempre que se manteñan as adecuadas condicións climatolóxicas previstas.

As obras, interrompidas durante o período de Nadal para minimizar as afeccións, retomáronse o luns día 10 coa instalación da varanda de peóns. A finais da primeira semana quedaron colocados os treitos rectos e esta semana instalaranse os treitos en curva.

Ademais, este luns día 17 iniciáronse os traballos de pavimentación da beirarrúa da marxe de augas abaixo, na marxe dereita, e a finais de semana realizarase a da marxe contraria. Posteriormente continuarase co pavimento de loseta para completar o itinerario peonil ata as beirarrúas existentes.

As obras finalizarán coa instalación da sinalización e marcas viarias, que está previsto realizar a principios do mes de febreiro.

Cómpre lembrar que nesta actuación, ante as dificultades técnicas atopadas ao inicio da súa execución, foi necesario acometer unha reorganización dos traballos e da circulación en distintos momentos, da que foron informados puntualmente os alcaldes dos concellos de Vimianzo e de Zas.

Concretamente, co inicio das obras comprobouse que a antiga beirarrúa estaba nun voadizo sostido por un contrapeso sobre a propia ponte e, unha vez eliminado o firme, observouse que as súas dimensións eran maiores das previstas inicialmente, o que obrigou a realizar demolicións de maior alcance que as planificadas, executadas sempre tendo coidado de non danar a estrutura.

A Xunta está a investir 328.000 euros nas obras de rehabilitación e ampliación da ponte sobre o río Grande, co fin de poñer en valor a propia estrutura e a súa contorna, tanto as beirarrúas, como as marxes do río e os treitos de acceso á ponte.

A obra, que conta coa resolución favorable da Comisión Provincial de Patrimonio, céntrase na ampliación da sección transversal mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais.

A ampliación permitirá reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3 metros de ancho e beiravías de 0,25 ou beirarrúas de 2,10 metros de anchura.