A Xunta licita por máis de 310.000 euros as obras para a execución das sendas de Soesto e de Serantes, no concello de Laxe

Construiranse en total algo máis de 1,3 quilómetros de itinerarios peonís ao longo da antiga traza da estrada AC-433

Conectaranse pola marxe esquerda da vía os lugares do Rueiro e Castrelo, en Soesto, e pola marxe dereita, o núcleo de Serantes coa igrexa de Santa María e o cemiterio

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro 2022

A Xunta licitou hoxe por máis de 310.000 euros as obras para a execución das sendas de Soesto e de Serantes, na antiga traza da estrada autonómica AC-433, no concello de Laxe.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación desta actuación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 14 de febreiro. Os traballos contan cun prazo de execución de oito meses.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá no conxunto das actuacións 334.000 euros, tendo en conta o pagamento dos 19 predios precisos para estas obras, cuxo obxectivo é facilitar os desprazamentos a pé dos veciños e favorecer unha mobilidade máis segura e sostible nestes núcleos.

As obras consisten na execución de algo máis de 1,3 quilómetros de sendas ao longo da estrada AC-433, que se construirán en formigón coloreado, para facelas máis visibles, e de cor terrizo natural, para unha mellor integración na contorna. O ancho destes itinerarios oscilará entre os 1,50 e os 2 metros.

Máis en detalle, a senda do núcleo de Soesto proxéctase pola marxe esquerda da AC-433 e ten como obxectivo conectar os lugares do Rueiro e Castrelo. Executarase un itinerario de preto de 600 metros de lonxitude, do punto quilométrico 10+240 ao 10+821, o treito máis urbanizado e, tamén, o que empregan os veciños para ir á praia de Soesto.

No caso de Serantes, a senda executarase ao longo de algo máis de 700 metros de lonxitude pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. Neste caso, o itinerario discorrerá pola marxe dereita da vía, entre os puntos quilométricos 11+390 ao 12+112, para favorecer a conexión coa igrexa de Santa María de Serantes e o cemiterio.

O proxecto do departamento de Infraestruturas da Xunta incluirá a recolocación de toda a sinalización e das defensas existentes. Na zona de Serantes prevense novas defensas que consisten na colocación de 454 metros de varanda metálica galvanizada e 14 balizas cilíndrica flexible tipo, con bandas retroreflectoras.

Esta actuación é susceptible de financiación a través dos fondos React UE de resposta fronte á pandemia.

Plan de sendas da comarca de Bergantiños

Estas dúas novas intervencións no municipio coruñés de Laxe súmanse á senda peonil e ciclista que conecta a vila e o paseo marítimo, xa en servizo desde o pasado verán, que supuxo un investimento da Xunta de 330.000 €. Con ese itinerario conéctase a zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila.

Ademais, as novas sendas que a Xunta construirá en Laxe engádense aos 7 itinerarios, 6 xa en servizo, no marco da primeira fase do Plan de sendas da comarca de Bergantiños. Nestes momentos estase a executar o itinerario previsto entre Carballo e Coristanco, cun investimento autonómico de máis de 1 millón de euros. En total, a Xunta impulsou a execución de 11 quilómetros de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de preto de 5 millóns de euros. As actuacións están cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continuará impulsando a execución de novas sendas na comarca de Bergantiños co obxectivo de dotar aos veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro e sustentable. Estanse a tramitar xa varios proxectos de actuacións para levar a cabo a curto prazo, como as sendas revistas no Couto e Xornes, en Ponteceso, ou a que conectará o centro comercial de Coristanco.