A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, asinou hoxe este acordo co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín

Ethel Vázquez destaca o convenio co concello de Sanxenxo para humanizar a PO-308 en Portonovo como un novo paso para facer desta vía un referente en seguridade viaria tras investir a Xunta de 20 M€

Trátase dunha ambiciosa actuación que transformará a estrada en rúa grazas a un investimento de 2,3 millóns de euros, dos cales a Xunta achegará o 70%, é dicir, 1,6 millóns

O Concello asume a redacción do proxecto e está en disposición de licitar as obras na primavera co obxectivo de inicialas en setembro para non prexudicar a actividade turística no verán e que poidan estar rematadas o vindeiro ano

A intervención levarase a cabo nun treito de 810 metros da PO-308, entre o mercado e o cruce da Perla co fin de que teñan máis protagonismo as persoas que os vehículos

Habilitaranse un itinerario peonil accesible cun ancho mínimo de dous metros, zonas de carga e descarga e espazos de descanso con xardinería

Para reforzar a seguridade viaria e facilitar a fluidez de tráfico, disporanse dúas glorietas, unha na intersección coa rúa Areal, e outra no cruce coa rúa da Perla

A conselleira lembra o investimento conxunto de 2,5 M€ de euros na rúa Progreso, co que a Xunta e o Concello conseguiron que a vía deixase de ser só estrada para vehículos e se integrase na trama urbana

Sanxenxo (Pontevedra), 17 de xaneiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o convenio co Concello de Sanxenxo para humanizar a estrada autonómica PO-308 en Portonovo como un novo paso para facer desta vía unha “referencia en seguridade viaria”, grazas a un investimento da Xunta de 20 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, asinou hoxe o acordo de colaboración co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, que permitirá a transformación radical do núcleo de Portonovo, achegando seguridade viaria, accesibilidade, espazo público e calidade de vida para os veciños e visitantes.

A conselleira destacou que se trata dunha ambiciosa actuación que transformará a estrada en rúa, grazas a un investimento de 2,3 millóns de euros, dos cales a Xunta achegará o 70%, é dicir, 1,6 millóns, mentres que o importe restante correrá a cargo do municipio.

O Concello de Sanxenxo, responsable de redactar o proxecto e de contratar as obras, está en disposición de licitar as actuacións a próxima primavera. As obras teñen un prazo de execución de 15 meses e o previsto é inicialas en setembro, para non prexudicar a actividade turística durante o verán, e rematalas o vindeiro ano.

A Administración local tamén se compromete a asumir a titularidade de todo o dominio público do eido da actuación, agás a calzada.

Actuacións

A intervención levarase a cabo nun treito de 810 metros da estrada autonómica PO-308, entre o mercado e o cruce da Perla e o seu obxectivo é conseguir que nesta vía gañen máis protagonismo as persoas fronte aos vehículos. Para iso, vanse delimitar con claridade os espazos, mediante a pavimentación da zona de peóns, da zona de tráfico e da zona de aparcadoiro.

Tamén se prevé configurar un itinerario peonil accesible cun ancho mínimo de dous metros, crear zonas de carga e descarga e espazos de descanso con xardinería que contribúa á humanización.

Ademais, para contribuír a reforzar a seguridade viaria e facilitar a fluidez de tráfico de forma ordenada, está previsto habilitar dúas novas glorietas, unha na intersección coa rúa Areal, e outra no cruce coa rúa da Perla, e crear unha mediana axardinada.

O proxecto tamén se aproveitará para instalar as canalizacións subterráneas para a telefonía e para a electricidade que substitúan os actuais tendidos aéreos e renovar as redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de alumeado público.

A conselleira subliñou que este acordo prosegue outros como os materializados na rúa Progreso, na que, grazas a un investimento conxunto de 2,5 M€ de euros, o Goberno galego e o Concello de Sanxenxo conseguiron que esa vía deixase de ser só estrada para vehículos e se integrase na trama urbana.

Imaxes relacionadas