A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remitiu unha carta aos 313 alcaldes galegos

A Xunta solicita aos concellos axilidade na concesión das licenzas urbanísticas para conseguir unha xestión eficaz dos fondos europeos de rehabilitación

Ángeles Vázquez indica que o tempo de execución dos programas é escaso, polo que pide apurar ao máximo as autorizacións municipais para permitir a execución a tempo dunhas actuacións que “son unha oportunidade para o futuro de Galicia”

Aproveita para lembrarlle aos rexedores a obriga de proceder á retirada dos carteis de obra, unha vez que estas se finalicen e rematado o prazo de permanencia
 

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2022

A Xunta quere contar co apoio dos concellos na xestión eficiente da totalidade de fondos consignados á rehabilitación e eficiencia enerxética que xestionará o Goberno galego.

Así, vén de solicitar a súa “estreita colaboración” para axilizar ao máximo as licenzas urbanísticas municipais, co fin de acadar unha xestión eficaz dos recursos que dispón a Xunta e os que xestionará do plan de recuperación da Unión Europea.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, remitiu esta semana unha carta aos 313 alcaldes galegos, na que lles traslada a necesidade de aproveitar a oportunidade que supoñen estes fondos para Galicia e para o seu futuro.

Sinala que é imprescindible o apoio dos concellos, non só achegando información sobre as distintas liñas de actuación aos veciños dada a súa proximidade co cidadán, senón tamén naquelas que se atopan dentro do seu ámbito competencia, como é a devandita tramitación con rapidez das licenzas urbanísticas.

Ángeles Vázquez destaca que esta cooperación é imprescindible debido co escaso marxe de tempo co que contan institucións e particulares para levar a cabo as actuacións de rehabilitación das vivendas ou de mellora da eficiencia enerxética.

Na súa misiva, a conselleira indica que o ano 2022 será decisivo para dar o “pulo definitivo” na Comunidade a esta materia, un reto que será posible grazas aos 157 millóns de euros que se habilitarán —entre convocatorias e actuacións directas— e que representan o maior orzamento da historia da Comunidade.

Así mesmo, e co fin de mellorar a imaxe de Galicia, tamén aproveitou para lembrarlle aos rexedores a obriga de proceder á retirada dos carteis de obra, unha vez que estas se finalicen e rematado o prazo de permanencia que determinen, tal e como establecen as Directrices da Paisaxe.