O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá as instalacións da entidade coruñesa

A Xunta incrementa tres prazas no centro ocupacional de Amarai en Boimorto

En total, o Goberno galego destina 350.000 euros a financiar 15 prazas neste centro e outras 15 no centro de día da entidade

Boimorto (A Coruña), 14 de xaneiro de 2022

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou hoxe que a Xunta de Galicia vén de incrementar en tres, ata chegar ás 15, as prazas financiadas con fondos públicos autonómicos no centro ocupacional que ten emprazado en Boimorto a Asociación de persoas con discapacidade e apoio e a integración das comarcas de Arzúa e Terra de Melide (Amarai).

Deste xeito, o Goberno galego achega máis de 350.000 euros para atender a unha trintena de persoas con discapacidade desta entidade nalgún dos seus centros. Delas, quince son usuarias do centro ocupacional, e outras quince do centro de día.

Fernando González Abeijón puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa mellora da autonomía e da calidade de vida das persoas con discapacidade e as súas familias. Así mesmo, subliñou a necesidade de seguir contando coa colaboración de entidades como Amarai, que traballa a diario na atención e o apoio de estas persoas.

Neste sentido, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade salientou a vontade da Administración autonómica de continuar apoiando servizos necesarios nas zonas rurais da Comunidade.