A conselleira do Mar visitou a confraría de pescadores de Lira e mantivo un encontro cos seus representantes

Galicia aprobou desde 2016 máis de 600 proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro cun investimento global de arredor de 85 M€

Dentro desas cifras inclúense 144 proxectos aprobados na convocatoria de axudas de 2021, que contaron cunha achega pública de algo máis de 7,5 millóns de euros e que en total mobilizarán preto de 15 millóns de euros

Rosa Quintana subliñou que o proxecto de mellora do proceso produtivo do polbo de lonxa da confraría de Lira permitiu aumentar a capacidade produtiva de procesado desta especie, favoreceu o aforro enerxético e mellorou as condicións desta actividade

Esta iniciativa foi promovida ao abeiro do GALP Costa Sostible e recibiu unha axuda pública de preto de 273.000 euros

Carnota (A Coruña), 14 de xaneiro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a confraría de pescadores de Lira onde coñeceu o seu proxecto de mellora do proceso produtivo do polbo de lonxa, promovido ao abeiro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Costa Sostible. Esta iniciativa recibiu unha axuda da Xunta na convocatoria de 2020 de achegas destinadas aos proxectos destes grupos e, segundo sinalou a titular de Mar, é un exemplo da posta en valor que fai Galicia do seu mar e da súa contorna. Nesta liña, destacou que desde 2016 o Executivo galego aprobou máis de 600 proxectos dos GALP que contan cun investimento global de 85 millóns de euros, dos que 37,5 millóns de euros son de axuda pública.
Dentro desas cifras inclúense 144 proxectos aprobados na convocatoria de axudas de 2021, que contaron cunha achega pública de algo máis de 7,5 millóns de euros e que en total mobilizarán preto de 15 millóns de euros. Na visita a Lira a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e tamén aproveitou para informar de que en próximos días o Diario Oficial de Galicia publicará a convocatoria deste ano de achegas aos proxectos destes grupos.
Con estes apoios, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, subliñou Rosa Quintana, o Goberno galego contribúe á diversificación das actividades marítimo-pesqueiras, á creación de emprego no litoral e a atraer mocidade ao sector. Tamén impulsa o valor dos produtos pesqueiros e a innovación en todas as fases da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura. Ademais, algunhas destas iniciativas, impulsan o coidado do patrimonio cultural e ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas.
En canto ao proxecto de mellora do proceso produtivo do polbo de lonxa promovido pola confraría de Lira, a conselleira destacou que permitiu ampliar as instalacións da confraría e aumentar a capacidade produtiva de procesado desta especie a 10.000 quilos ao día fronte aos 2.000 que se procesaban anteriormente.
Ao mesmo tempo, supón un aforro enerxético pois a maquinaria de procesado que se adquiriu no marco desta iniciativa ten un menor consumo e ademais mellorouse o illamento térmico das cámaras de conxelado e de frío. Outras actividades que inclúe este proxecto e que se levaron a cabo son a adquisición de caixas para a conxelación e de bases con rodas para o seu transporte e a habilitación dos sistemas de captación de auga salgada para as instalacións, de pesado e de etiquetado. Para iso o proxecto contou cunha axuda da Xunta de preto de 273.000 euros.

Imaxes relacionadas