A Xunta fixa a nova tempada de pesca da anguía na desembocadura do río Ulla do 1 de febreiro ao 31 de outubro deste ano

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica no DOG a resolución pola que se renova o plan de aproveitamento específico da especie para 2022

O tamaño mínimo dos exemplares terá que ser de 20 centímetros, só se poderán pescar con nasa-voitirón e a cota máxima de capturas queda fixada en 5.176 quilos

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2022.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no DOG a resolución da Xefatura Territorial de Pontevedra pola que se aproba a renovación do plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla durante a próxima tempada, que este ano se estenderá desde o 1 de febreiro ata o 31 de outubro.

O tamaño mínimo das capturas queda fixado en 20 centímetros, coa obriga por parte dos pescadores de devolver ao río aqueles exemplares que non dean a talla, así como as anguías prateadas e outras especies que entren nas nasas. Ao igual que o ano pasado, a cota máxima autorizada de capturas será de 5.176 quilos para o total de embarcacións.

Ademais, a única arte empregada para pescar anguía na desembocadura do Ulla será a nasa-voitirón, cun tamaño de malla mínimo de 14 milímetros e un límite de 10 artes por tripulante. As nasas deberán ser levantadas e revisadas a diario e o horario autorizado para a actividade estenderase das 12,00 horas do luns ás 12,00 horas do sábado.

Cómpre lembrar que a pesca da anguía é unha actividade profesional tradicional que se desenvolve nalgunhas zonas de desembocadura dos ríos galegos.

No caso concreto do Ulla, o plan para 2022 fixa tres zonas autorizadas: o tramo comprendido entre a ponte de Catoira e a liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro; o que vai da liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro ata a liña imaxinaria que une Praia Longa con Punta Seveira; e a parte do río comprendida entre a liña imaxinaria que une Praia Longa con Punta Seveira e a liña imaxinaria que une Punta Seveira con Punta Rebordexo e a súa continuación, ata o faro do dique de Carril, excluída a illa de Cortegada.

A partir do 1 de febreiro, autorízase a faenar nestas zonas a un total de 18 embarcacións e 37 tripulantes das confrarías Santiago Apóstol, de Carril, e Virxe do Carmen, de Rianxo, polo que se mantén o esforzo pesqueiro da tempada anterior. Ambas deberán remitir cada mes á Xunta os datos de extracción por especie e día traballado e os xustificantes da súa venda en lonxa, o único medio permitido para comercializar as capturas.

Imaxes relacionadas