Especialistas en saúde mental dan a coñecer o resultado dos proxectos de investigación, práctica clínica e apoio aos pacientes

No marco dunha mesa de debate organizada polo Sergas para conmemorar o Día Mundial de Loita contra a Depresión

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2022

Especialistas do ámbito da saúde mental autonómica deron a coñecer hoxe o resultado de proxectos de investigación, práctica clínica e apoio aos pacientes. Con esta iniciativa, o departamento sanitario galego conmemora o Día Mundial da Loita contra a Depresión, que é un trastorno de elevada frecuencia que incide de forma considerable nas taxas de mortalidade e morbilidade, afectando de manera moi significativa a adolescentes e persoas da terceira idade.

Na mesa, celebrada na sede da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), e inaugurada pola subdirectora xeral de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, Sinda Blanco, a xefa do Servizo de Saúde Mental do Sergas, María Tajes, falou do Programa de autocoidado: “supera a túa depresión”, que é froito dunha colaboración entre o Sergas e institucións sanitarias do territorio nacional. Con esta iniciativa, a través de diferentes contidos, ofrécese á persoa unha intervención orientada a fomentar cambios nos seus hábitos de vida e estilos de pensamento que faciliten a recuperación nun proceso depresivo leve ou moderado. Por medio dos contidos do curso, accesible dende a web da Escola galega para cidadáns, as persoas pode acceder a pautas e ferramentas para traballar o estado de ánimo, modificar pensamentos negativos e dotarse de estratexias coas que mellorar as habilidades sociais.

Na mesa interveu, así mesmo, Fernando Lino Vázquez, catedrático de Psicoloxía Clínica da Universidade de Santiago, coordinador do grupo de investigación en saúde mental e psicopatoloxia da USC, quen presentou o estudo de investigación: Características epidemiolóxicas e traxectorias de hospitalizacións previas ao suicidio en Galicia entre 2013 e 2016, desenvolto ao abeiro dun convenio de colaboración establecido entre a USC e a Consellería de Sanidade. Os obxectivos do estudo foron analizar as características sociodemográficas clínicas e forenses dos falecidos por suicidio en Galicia no antedito período, co obxectivo de orientar as accións sanitarias a diminuír a letalidade por esta causa.

Na xornada tamén participou o psiquiatra José Mazaira, xefe de sección de psiquiatría infanto-xuvenil no Hospital Universitario de Santiago, e coordinador da Guía de Práctica para a prevención da depresión na infancia e na adolescencia, de referencia nacional, quen falou dende a súa experiencia e traxectoria profesionial da depresión na infancia e na adolescencia: como recoñecela e prestar apoio.

Esta mesa de debate ten como obxecto sensibilizar e fomentar o coñecemento cidadá dos trastornos mentais, e enmárcase no desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia Poscovid 2021-24, aprobado en xuño de 2020 polo Consello da Xunta, así como no proxecto de sensibilización social “Estimada-MENTE: Galicia coa saúde mental”, posto en marcha en decembro do pasado ano.

Avances no Plan de Saúde Mental de Galicia e no Plan de Prevención do Suicidio

A Xunta de Galicia xa ten en marcha seis unidades de atención a persoas en risco de suicidio, cinco das cales se puxeron en marcha a través do desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024. Así, cada unha destas unidades conta cun equipo específico de profesionais composto por persoal de psicoloxía, psiquiatría e enfermaría, o que implicou a contratación de 15 novos profesionais ao longo de 2021. O mantemento destas novas cinco unidades ao longo da vixencia do Plan suporá un investimento de máis de 3,6 millóns de euros.

Ademais, Galicia ten en marcha o Plan de Prevención do Suicidio, vixente desde o 2017, co que se converteu na segunda comunidade autónoma en contar cun documento destas características.

En desenvolvemento dese Plan, no ano 2019 creouse e regulouse o Consello Interdepartamental de Coordinación para a Prevención e Atención das Condutas Suicidas, como órgano colexiado de carácter consultivo, de estudo, coordinación, seguimento e asesoramento en materia de prevención e atención das condutas suicidas en Galicia, e en 2020 procedeuse á creación e regulación das comisións multidisciplinares de prevención do suicidio de cada unha das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, como órganos colexiados de carácter consultivo e de natureza técnico-facultativa, que están vinculadas ás xerencias de área sanitaria do Sergas, e desenvolven as súas funcións na área do Plan de prevención do suicidio en Galicia.

Cóntase, tamén, cunha vía rápida de actuación ante a conduta suicida, un protocolo que facilita o acceso a atención especializada de saúde mental aos pacientes con conduta suicida, mellorando a súa accesibilidade ao sistema sanitario para un idóneo diagnóstico e tratamento.

Actualmente, está en tramitación un proxecto de decreto que regulará o Rexistro Galego de Tentativas Autolíticas para contar con datos sobre a incidencia e prevalencia das tentativas autolíticas así como dos seus factores determinantes e asociados.

Por outra banda, no ano 2021 convocouse por primeira vez unha liña específica de subvencións por valor de 133.688 euros para que as entidades sen ánimo de lucro no ámbito comunitario, desenvolvan programas de prevención e así axudar a sensibilizar e detectar situacións de risco.

Ademais, a Comisión interdepartamental Sanidade-Educación vén de adoptar o acordo de desenvolver un comité de traballo para desenvolver un programa de prevención universal do risco de suicidio no ámbito escolar para diminuír condutas autolíticas na mocidade.

Imaxes relacionadas