O foro retransmitirase en streaming e poderá seguirse na seguinte canle de YouTube: https://www.youtube.com/watch?v=F3AyTW5-UXY&feature=youtu.be

A Xunta abordará mañá nun foro a chegada do AVE a Ourense e as oportunidades que suporá para o turismo e para a competitividade económica de Galicia

O presidente da Xunta clausurará o encontro, no que participarán os ex ministros José Blanco e Ana Pastor, ademais do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites

O encontro, que se celebrará en Expourense, analizará as oportunidades e desafíos que supón este fito histórico da entrada en servizo da liña de alta velocidade Madrid-Ourense

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2022

A Xunta abordará mañá nun foro a chegada do AVE a Ourense e as oportunidades que suporá para o turismo e a competitividade económica de Galicia.

O encontro, que se celebrará en Expourense co lema ‘Un camiño a Galicia: desafíos e oportunidades’, será inaugurado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Tamén participarán na xuntanza os ex ministros José Blanco e Ana Pastor e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites.

Este foro retransmitirase en streaming, polo que se poderán seguir as diferentes intervencións a través do seguinte enlace de YouTube: https://www.youtube.com/watch?v=F3AyTW5-UXY&feature=youtu.be

Trátase de analizar as oportunidades e desafíos que supón este fito histórico da entrada en servizo da liña de alta velocidade Madrid-Ourense, a chegada do AVE en Galicia.

O turismo é un dos sectores que verá redobradas as oportunidades coa alta velocidade, para o que será preciso a implicación deste colectivo profesional. Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, ou o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, apelarán á activación de iniciativas para aproveitar ao máximo este acontecemento.

A Xunta tamén vén reiterando a necesidade de completar o AVE a Galicia coa chegada ao resto das cidades co obxectivo de reforzar a competitividade en toda a comunidade. Para abordar este asunto estratéxico, o foro contará co catedrático de Ferrocarrís da Universidade da Coruña, Miguel Rodríguez Bugarín, e o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández, que tratarán as actuacións aínda pendentes e necesarias.

Ademais, o encontro avaliará temas relevantes para acadar o máximo rendemento da alta velocidade, como o axuste da oferta de servizos á demanda, a adaptación das estacións ferroviarias e a dotación de comunicacións axeitadas as estacións de Ourense e da Gudiña.