A Xunta e o comité de empresa de Alu Ibérica reforzan a súa colaboración para buscar unha alternativa industrial para a fábrica da Coruña

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, presentoulle aos representantes dos traballadores e ao administrador concursal o caderno de vendas elaborado pola Administración autonómica coa cooperación dun equipo de técnicos da propia planta

O documento, no que se amosan as potencialidades das instalacións, aposta por converter o complexo coruñés nunha factoría de aluminio verde na que prime a economía circular

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2022

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo esta mañá un encontro co comité de empresa de Alu Ibérica e o administrador concursal da compañía no que se presentou o caderno de vendas no que se amosan as potencialidades das instalacións a posibles investidores.

Esta iniciativa enmárcase na colaboración permanente do Goberno galego co comité de empresa e o administrador concursal co obxectivo de buscar unha alternativa industrial que permita contar cun proxecto sólido que garanta a necesaria carga de traballo. O documento, elaborado pola Administración autonómica coa cooperación dun equipo técnico formado por membros do propio cadro de persoal da factoría, aposta por converter a fábrica da Coruña nunha planta de aluminio verde na que prime a economía circular.

Tal e como sinalou a directora xeral, búscase así contar cunha carta de presentación que demostre que é posible un futuro para as instalacións e os traballadores de Alu Ibérica, acorde coa actual etapa na que a sostibilidade está a ser clave na transformación do tecido industrial. Segundo dixo, existe un obxectivo compartido que é a busca dun posible socio industrial pero tamén buscar opcións para reactivar a produción na planta o antes posible.

No encontro, no que tamén participaron o director do Igape, Fernando Guldrís, e a Consellería de Emprego e Igualdade a través da directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, Paula Uría sinalou que o estudo ofrece diferentes escenarios industriais viables que poderán ser presentados polo administrador concursal, o comité de empresa e as administracións públicas a quen amose interese por desenvolver un proxecto nas instalacións.

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais demandou unha maior implicación por parte do Goberno, lembrando que este non foi quen de ofrecer un prezo eléctrico estable e competitivo para que se puidese manter a produción de aluminio primario na Coruña, un factor clave que axuda a explicar agora por que a fábrica se encontra na situación actual.

Paula Uría pediulle ao Goberno que non só adopte as medidas que realmente axuden a establecer ese marco enerxético tan necesario, senón tamén que faga seu o caderno de vendas e poña sobre a mesa posibles investidores. Ademais, subliñou a necesidade de que nas próximas reunións non participe só o Ministerio de Industria por parte do Goberno, senón tamén o de Transición Ecolóxica.

Imaxes relacionadas