O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria clausurou o acto de presentación deste proxecto no que colabora o Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda

A Xunta pon en valor os produtos de proximidade entregando a seis centros educativos de Ribadeo conservas elaboradas con excedentes da horta da asociación A Sucadoira

Trátase de pisto, marmelada de pemento, verduras mixtas, berenxena e pemento asado ou zume conseguidos mediante a transformación de máis de dúas toneladas de produto de dita asociación

Ademais do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, beneficiaranse o CIFP Porta da Auga, a escola infantil Santa María do Campo, os colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón de Jesús e o instituto Dionisio Gamallo

José Luis Cabarcos destacou a importancia de apostar pola calidade dos produtos locais e de temporada como vía para garantir a sustentabilidade económica e social do rural galego, enxalzando o papel estratéxico que xogan os comedores escolares

Aproveitou para poñer de relevo o papel do Pedro Murias como centro dinamizador da formación continua e regrada da Consellería do Medio Rural na Mariña lucense

Ribadeo (Lugo), 12 de xaneiro de 2022

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, clausurou esta mañá o acto de presentación dun proxecto de posta en valor de excedentes de produtos da horta da asociación A Sucadoira mediante conservas que lles foron entregadas hoxe mesmo a seis centros educativos de Ribadeo. Alí, o director destacou que a Xunta adquiriu 2.350 quilos de produto a dita asociación co fin de envasalos e promover o seu consumo entre os escolares ribadenses, no marco dunha iniciativa na que tamén colabora o Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda.
Así, os produtos distribuídos son pisto caseiro, marmelada de pemento vermello, verduras mixtas, berenxena e pemento asado ou zume elaborados con 600 kg de pementos, 500 kg de tomates, 200 kg de berenxenas, 300 kg de cebolas, 300 kg de cabazas e cabaciñas, 100 kg de porros, 100 kg de cenorias ou 250 kg de mazás.
Ademais do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias -onde tivo lugar o acto-, beneficiaranse das conservas o Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga, a escola infantil Santa María do Campo, o instituto Dionisio Gamallo e os colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón de Jesús. Precisamente nestes últimos centros leváronse a cabo charlas informativas para avogar polo consumo de produtos locais, sinalando os beneficios que supoñen para a saúde e tamén para poñer en valor o traballo que realizan os agricultores e agricultoras de Ribadeo. Nesa dirección, as integrantes da asociación A Sucadoira tamén deron a coñecer o seu traballo, así como os produtos da horta que cultivan e que comercializan.
Na súa intervención, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria falou expresamente da importancia de apostar polos produtos de proximidade e de temporada mediante canles curtas de comercialización, para garantir a sustentabilidade económica e social do noso medio rural. Nese senso, enxalzou o bo facer dos produtores locais e, ao mesmo tempo, como os comedores dos centros educativos poden adquirir unha relevancia estratéxica para dar a coñecer a calidade alimentaria de Galicia.
A maiores, José Luis Cabarcos aproveitou para poñer de relevo o papel do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Ribadeo como dinamizador da formación continua e regrada que imparte a Consellería do Medio Rural na Mariña lucense.

Consumo de proximidade

Cabe engadir que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, tamén dependente da Consellería do Medio Rural, vén de impulsar a colaboración entre o Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda e a asociación A Sucadoira para levar a cabo diferentes accións dirixidas á posta en valor dos produtos da horta e o recoñecemento dos produtores locais.
Así, esta colaboración materializouse nun proxecto piloto xestionado polo propio grupo de desenvolvemento local que conta cun orzamento de case 5.000 euros para a posta en marcha de accións de sensibilización, promoción e difusión dos produtores locais de horta, co fin último de reforzar a súa situación dentro do sector primario da zona.
Neste senso, estase a realizar un estudo e análise sobre a produción que mobiliza dita asociación indicando os produtores e as súas tipoloxías, a produción total anual, a clasificación por produtos e os excedentes dispoñibles, entre outros datos. Ademais, tamén se analizará a identificación de posibles beneficiarios e as súas necesidades en canto ao subministro e distribución en mercados locais, centros educativos e sociais, ou colectivos máis vulnerables da vila de Ribadeo.
Seguidamente, levaranse a cabo seminarios e xornadas de sensibilización, obradoiros de cociña e recreacións de mercados con produtos de proximidade, poñendo de manifesto a importancia do etiquetado, a orixe e a trazabilidade dos produtos, ademais do coñecemento dos procesos de produción, distribución, comercialización e envasado. Así mesmo, durante estas xornadas informarase dos beneficios que teñen para a saúde o consumo de produtos naturais, sostibles e ecolóxicos, centrándose na promoción dos produtos de proximidade no marco da Estratexia da Granxa á Mesa.

Imaxes relacionadas