A conselleira do Mar enviou unha misiva ao secretario de Estado de Medio Ambiente para coñecer os seus plans en relación coa dragaxe do Burgo

A Xunta solicita ao Goberno central que aclare a súa proposta para indemnizar aos mariscadores e urxe unha reunión a tres bandas para poder analizala

Galicia reitera a súa predisposición a tramitar os arredor de 80 expedientes de axuda necesarios para compensar aos afectados se o Executivo estatal considera que non está en condicións de xestionalos e transfire os fondos precisos para afrontar os pagos

A Consellería do Mar demanda lealdade institucional e brinda toda a súa capacidade administrativa para que o convenio de colaboración que recolla esa posibilidade se asine o antes posible co obxectivo de evitar prexuízos aos profesionais do marisqueo dado o inminente inicio das obras

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, remitiu onte mesmo unha carta ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na que lle solicita información detallada sobre a proposta para indemnizar aos profesionais do marisqueo afectados pola dragaxe do Burgo que o Goberno central lle trasladou á confraría de pescadores da Coruña nun encontro mantido o pasado luns e ao que a Consellería do Mar non foi convidada. Por iso, a titular de Mar tamén urxe unha reunión a tres bandas -Xunta, Executivo estatal e o sector afectado- para poder afondar nesa proposta e acadar o antes posible unha solución.
A representante do Goberno galego lamenta na súa misiva ter coñecido esa proposta polos medios de comunicación e, posteriormente, durante a reunión mantida cos representantes da confraría coruñesa, así como non ter sido convidada á xuntanza celebrada o luns, polo que demanda á Administración central lealdade institucional e maior concreción e detalles sobre a solución suxerida durante ese encontro.
Nese sentido, a conselleira do Mar reitera que a Xunta está disposta a tramitar os arredor de 80 expedientes de axuda necesarios para compensar aos afectados pola dragaxe se o Goberno central considera que non está en condicións de xestionalos e sempre que transfira ao Executivo galego os fondos necesarios para afrontar os pagos. Esta posibilidade, aclara Rosa Quintana, tería que materializarse a través dun convenio de colaboración entre as dúas partes, para o que a comunidade “brinda toda a súa capacidade administrativa para prestar toda a urxencia necesaria e que se poida asinar canto antes” dado o inminente inicio das obras.
Esta opción, lembra a conselleira na misiva, abreviaría de xeito significativo os trámites en relación cunha reclamación patrimonial, posibilidade que o Executivo central chegou a propoñer nas últimas semanas ao sector nalgunha resposta nas Cortes.
Por iso, a titular de Mar considera “necesaria e positiva” a celebración urxente dunha reunión a tres bandas para definir o alcance, contía e proposta de tramitación das axudas, co obxectivo de acurtar os prazos o máximo posible e atender as demandas do sector. Nesta liña solicita tamén coñecer de forma previa a esa reunión a partida orzamentaria prevista polo Goberno do Estado para sufragar esas compensacións.
A representante do Executivo galego subliña que a dispoñibilidade de crédito non debería ser un problema dado que o Ministerio para a Transición Ecolóxica xa lle trasladou á confraría de pescadores que conta cun importante remanente de fondos trala licitación das obras de dragaxe. A maiores, lembra, hai partidas habilitadas no proxecto para contratar ás mariscadoras e mariscadores co obxectivo de que realicen parte dos traballos previstos, como a retirada e reposición de semente.
Rosa Quintana conclúe a carta reiterando o ofrecemento da Xunta para axilizar o máximo posible o acordo entre as partes así como a disposición da comunidade a tramitar administrativamente os expedientes de axuda sempre que reciba os fondos necesarios para aboalas. Por iso, urxe a celebración desa reunión a tres bandas entre a confraría, a Secretaría de Estado de Medio Ambiente e a Consellería do Mar para poder avanzar na solución deste asunto. O Executivo galego considera necesario e prioritario acadar un acordo o antes posible, dado que as obras van comezar de xeito inminente, co obxectivo de evitar prexuízos aos profesionais do sector.