A Xunta garante o cumprimento estrito dos requisitos urbanísticos, ambientais e técnicos exixidos para toda a actividade que se desenvolva en San Finx

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro con concellos da zona, na que tamén participaron as Consellerías de Infraestruturas e do Mar, para avaliar a situación actual

A Administración autonómica velará para que a empresa actúe con responsabilidade, a prol dunha minaría sostible e que sexa compatible co resto de actividades da zona
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión cos concellos de Porto do Son, Lousame, Noia, Ribeira, Muros e Outes para avaliar a situación actual da mina de San Finx, na que tamén participaron as consellerías de Infraestruturas e do Mar.

No encontro, Conde insistiu en que a prioridade da Xunta é a protección do medio ambiente e dos recursos naturais, polo que a Administración autonómica se mantén vixiante para garantir que calquera actividade mineira que se desenvolva en Galicia en xeral e en San Finx, neste caso, cumpra coas garantías urbanísticas, ambientais e técnicas exixidas pola lexislación vixente e que sexan compatibles cun modelo de minaría sostible e respectuoso.

O vicepresidente económico explicou que a Xunta non recibiu solicitude formal da transmisión da titularidade nin ningún tipo de comunicación ao respecto por parte de Sacyr nin de Rafaella Resources. Neste sentido, será necesario comprobar a solvencia técnica e financeira da nova empresa, que debe aclarar o proxecto que pretende levar a cabo, xa que no caso de pretender actuar en galerías agora mesmo inutilizadas pola presenza de auga deberá presentar un proxecto de explotación actualizado, que deberá someterse á avaliación ambiental que corresponda.

Conde lembrou que actualmente a concesión segue vixente sempre e cando se cumpra con todas as condicións técnicas, urbanísticas e ambientais establecidas. Así, o último paso adoptado foi iniciar a tramitación da autorización dunha nova instalación depuradora que garanta que todas as verteduras da auga se realicen cumprindo coas directrices e parámetros de calidade establecidos por Augas de Galicia, baseándose nos resultados obtidos nos ensaios efectuados na proba piloto, e evitando calquera tipo de afección á ría. Ademais, na reunión confirmóuselle aos alcaldes que desde a Xunta seguirase exixindo a restauración das balsas á empresa.

A Administración galega traballa, pois, coa máxima planificación e anticipación co obxectivo de velar por que a empresa actúe con responsabilidade e de xeito que se dean as condicións necesarias para garantir a calidade das augas e a compatibilidade coas actividades da zona.

Imaxes relacionadas