A Xunta impulsa a creación de seis novas prazas públicas no centro de día de Aceesca, no Porriño

O Goberno galego financia un total de 73 prazas públicas nestas instalacións: 36 no centro de día e outras 37 no centro ocupacional

Destina anualmente 800.000 euros a esta entidade para o financiamento destas prazas e a posta en marcha de programas con cargo ao 0,7% do IRPF

Nestas instalacións as persoas usuarias participan na xestión do punto limpo da localidade, coidan do seu invernadoiro de plantas de temporada ou participan de labores de limpeza
 

O Porriño (Pontevedra), 12 de xaneiro de 2022

A Xunta impulsou a creación de seis novas prazas públicas de atención no centro de día da Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual (Aceesca), no Porriño. A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá as instalación acompañada do novo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

Fabiola García concretou que con este incremento o número de prazas públicas no centro de día chegan ás 36 que se suman a outras 37 prazas públicas no centro ocupacional. En total, o Goberno galego financia un total de 73 prazas nos centros de Aceesca no Porriño.

As persoas usuarias colaboran na xestión do punto limpo da localidade, coidan do seu invernadoiro de plantas de temporada ou participan en labores de limpeza e xardinería. A conselleira destacou que Aceesca permite que as veciñas e veciños do Porriño teñan a oportunidade de avanzar cara a plena inclusión.

Ademais do financiamento destas prazas, a Xunta colabora con esta asociación a través da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF para a mellora e adecuación das súas instalacións. Na última convocatoria, esta entidade percibiu 52.000 euros. Deste xeito, o Goberno galego destina anualmente a Aceesca 800.000 euros para facilitar o seu labor.
 

Imaxes relacionadas