A Xunta e o Concello da Gudiña comparten a súa aposta por un desenvolvemento eólico ordenado e respectuoso co medio ambiente

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co rexedor do municipio ourensán, José María Lago, no que o informou sobre a situación das iniciativas que se están a presentar relativas a este concello

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co alcalde da Gudiña, José María Lago, no que o informou sobre os parques eólicos que se están a presentar no seu concello, dentro da aposta da Xunta de Galicia pola transparencia e a máxima colaboración institucional á hora de informar sobre a situación dos diferentes proxectos eólicos.

Na reunión celebrada en Santiago de Compostela, o vicepresidente económico reiteroulle ao alcalde da Gudiña a aposta do Goberno galego por unha planificación ordenada do sector eólico, que permita achegar a máxima seguridade xurídica aos proxectos e respectar o medio natural.

Para iso, e entre outras actuacións, a Xunta, a través da lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos deste ano, vén de activar unha moratoria de 18 meses para poder tramitar coas máximas garantías os expedientes que ten a Administración autonómica nestes momentos enriba da mesa.
A maiores, inclúe unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos de poboación, pasando dos 500 metros actuais a unha distancia que se calculará multiplicando por cinco a altura do aparello, logrando así un menor impacto visual.

Dentro do obxectivo de levar a cabo un desenvolvemento eólico ordenado, a Xunta está a impulsar tamén ferramentas de transparencia, colaboración institucional e información destinadas aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas.

Compromiso ambiental

Na xuntanza, o vicepresidente económico e o rexedor da Gudiña coincidiron en destacar as enerxías renovables como clave para a mellora ambiental e a redución de custos, contribuíndo tamén á creación de emprego e á reactivación económica.

A Xunta, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ten abertas convocatorias de axudas por 37 millóns de euros para promover as enerxías renovables, o autoconsumo e o almacenamento enerxético, con diferentes partidas destinadas a empresas, particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas.

Entre as iniciativas que se poden beneficiar destes programas atópanse as comunidades enerxéticas locais, que favorecen o desenvolvemento social e económico do territorio, axudando a crear emprego e fixar poboación no rural. Neste sentido, o Concello da Gudiña está a traballar na posta en marcha do que se coñece como “aldea xeradora”, capaz de producir a enerxía suficiente para autoabastecerse, cun proxecto de enerxía solar con acumulación de baterías.

Imaxes relacionadas