Luis López garante o “máximo apoio” da Xunta a Protección Civil de Meis tras anunciarlle a concesión dun vehículo de emerxencias

O delegado territorial en Pontevedra visita a sede da agrupación para coñecer o seu funcionamento e necesidades e mantén un encontro con algúns dos seus 34 integrantes, aos que agradeceu o seu “traballo altruísta e desinteresado a prol da sociedade”

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior fixo achegas por case 75.000€ para os seus gastos de funcionamento e adquisición de material, entre os que destacan o remolque de emerxencias do pasado ano e a pick-up que lle será entregada nas vindeiras semanas

Meis (Pontevedra), 11 de xaneiro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, garantíu o “máximo apoio” da Xunta de Galicia á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Meis para seguir impulsando os seus servizos de atención cidadá e xestión das emerxencias.

O representante autonómico acudiu esta mañá á sede da entidade, acompañado do xefe provincial de Emerxencias, Miguel Ángel Pérez Dubois, para coñecer o seu funcionamento e necesidades e manter un encontro con algúns dos seus 35 integrantes, aos que lles anunciou a concesión dun vehículo de emerxencias por parte da Xunta ao abeiro da correspondente orde de equipamentos.

“Esta agrupación traballa de xeito exemplar e ten unha evolución e unha traxectoria que a converteron, nos 25 anos de historia que vai cumprir neste 2022, nunha das agrupacións máis destacadas da provincia grazas ao esforzo, profesionalidade e adicación dos seus compoñentes e ao apoio da Xunta de Galicia”, detallou Luis López, que agradeceu aos voluntarios o seu “inxente traballo altruísta e desinteresado a prol da sociedade”.

Protección Civil de Vilagarcía de Meis recibiu, ao longo dos últimos anos, preto de 75.000 euros da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para os seus gastos de funcionamento e para a adquisición de material, como un traxe para a erradicación de niños de vespa velutina, un desfibrilador, un remolque con materiais de atención cidadá -o pasado ano- e a citada pick-up, que lle será entregada nas vindeiras semanas.

Imaxes relacionadas