A Xunta completará a renovación das súas tres resonancias magnéticas móbiles tras un investimento de máis de tres millóns de euros

Estes equipos prestan asistencia aos hospitais comarcais e atenderon durante o 2021 a máis de 17.000 pacientes

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destaca que a Xunta aproveitará os fondos europeos para renovar tamén os TACs dos sete hospitais comarcais

Verín, 11 de xaneiro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acudiu hoxe ao Hospital de Verín, onde está nestes días instalada a resonancia móbil adquirida pola Goberno galego no ano 2021, a máis moderna das tres coas que conta a Xunta de Galicia. O conselleiro destacou a aposta que está a levar a cabo o Executivo autonómico pola renovación destes equipamentos, que comezou en 2018 coa incorporación dunha nova resonancia magnética móbil, seguiu coa incorporación en 2021 da hoxe presente en Verín e continuará neste exercicio, pois a Xunta ten decidido aproveitar os fondos europeos transferidos a través do Plan Inveat para renovar a terceira, o que suporá superar os tres millóns de euros de investimento dedicado a contar con equipos punteiros neste sistema de resonancias móbiles.
Tal e como sinalou o conselleiro, grazas a estas resonancias móbiles, os pacientes galegos aforraron milleiros de quilómetros en desprazamentos, garantíndose a igualdade na asistencia a aquelas persoas que viven lonxe dos seus centros de referencia. En concreto, estes equipos atenderon o pasado ano a máis de 17.000 pacientes, facendo máis de 21.000 resonancias magnéticas, preto de 2.000 no Hospital de Verín.
Segundo García Comesaña, os novos equipos, de última xeración, supoñen tamén unha maior flexibilidade e comodidade para os pacientes. En concreto, as melloras do novo equipo móbil incorporan vantaxes en aspectos de confort para o paciente, con dúas cabinas vestiario, así como unha maior amplitude do habitáculo onde se adquiren as imaxes, e un diámetro de imaxe de 70 cms, 10 máis que o anterior.
Outras melloras que se achegan no novo equipo móbil son unha resonancia de campo alto, incluíndo os últimos avances nesta especialidade diagnóstica. Permite, ademais, adquirir imaxes de Resonancia Magnética sen desprazar aos pacientes grazas á telerradioloxía. Xunto ao anterior, mellóranse os tempos e a calidade dos informes; evítase a repetición de probas ao estar accesibles para consulta polos clínicos no seu propio centro de traballo; e, así mesmo, posibilítase a colaboración e formación en rede dos radiólogos implicados.

Aposta da Xunta polos hospitais comarcais

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria tamén remarcou a aposta que está a levar a cabo a Xunta polo equipamento que está instalado nos propios hospitais comarcais. Así, os sete hospitais comarcais terán, no ano 2023, novos TACs no seu haber, xunto coas tres resonancias magnéticas móbiles de última xeración rotando para darlles servizo. A elo súmase á dotación de máis equipamento propio entre os que o conselleiro citou os equipos radiocirúrxicos mercados en 2021 cun investimento de 4,3 millóns, dos que sete foron para os hospitais comarcais, un deles en Verín cun valor de preto de 100.000 euros.
Tamén o ano pasado a Xunta destinou seis millóns de euros para a subministración de ecógrafos para os servizos de radiodiagnóstico e urxencias. Deles, nove distribuiranse nos hospitais comarcais e, en concreto, a Verín chegarán dous, por un importe conxunto de 130.000 euros.
Neste plan de renovación e modernización tecnolóxica, a Xunta tamén licitou, por 2,3 millóns, a renovación das lámpadas cirúrxicas dos quirófanos. Nesta licitación están incluídos igualmente os hospitais comarcais.
Con todo este investimento, o conselleiro de Sanidade remarcou que a Xunta consolida a equidade no acceso á alta tecnoloxía e á mellora da calidade asistencial e a seguridade dos pacientes e profesionais tamén nos hospitais comarcais, que, tal e como remarcou García Comesaña, contan con magníficos profesionais que poden empregar toda esta tecnoloxía ao servizo da cidadanía, e aos que o titular da carteira sanitaria agradeceu o seu traballo.
Na visita de hoxe, o conselleiro de Sanidade estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial; pola directora do distrito sanitario de Verín, Guillermina Agulla; e pola directora da empresa pública Galaria, Rocío Mosquera.

 

Imaxes relacionadas