A Xunta habilita un investimento de 32,2 millóns de euros para que as nenas e nenos nacidos no 2022 teñan acceso á Tarxeta Benvida

Desde que se puxo en marcha no 2016, esta prestación contou cun orzamento acumulado de 127 millóns de euros

Ata o de agora unhas 78.000 familias beneficiáronse desta axuda de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida do cativo que, en función das circunstancias de cada unidade familiar, pode prorrogarse ata os 3 anos

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que regula a concesión da Tarxeta Benvida para as nenas e nenos nacidos no 2022. A Xunta de Galicia habilitou un investimento de 32,2 millóns de euros para esta axuda de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida do cativo, que ten como obxectivo atender os gastos que supón ampliar a familia, como a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene ou farmacia.

Nos seus cinco anos de existencia a Tarxeta Benvida supera un orzamento acumulado de 127 millóns de euros e chegou a máis de 78.000 familias. Isto supón que oito de cada dez nenos nacidos neste período tiveron acceso a esta medida. Para acceder á Tarxeta Benvida durante o primeiro ano a renda anual familiar deberá ser inferior aos 45.000 euros ou menor de 13.500 euros per capita.

Nos últimos anos esta prestación tivo varias novidades. En 2018, a Tarxeta Benvida estendeuse ata o terceiro ano de vida da nena ou neno para aquelas familias cunha renda anual igual ou inferior a 22.000 euros. Así, para o primeiro fillo concedíanse 600 euros anuais; para o segundo 1200; e para o terceiro e sucesivos, 2400.

Xa no ano 2019, habilitouse a posibilidade de que a Tarxeta Benvida se solicitase durante o embarazo, para que non fixese falta esperar ao nacemento para comezar os trámites. Deste modo, para as familias que escollen esta opción, o prazo medio de espera para obter esta prestación pasou de dous meses e medio a un mes.

E no ano 2020, o Goberno galego introduciu catro novidades: un complemento do 25% para as familias que vivan en concellos de menos de 5000 habitantes; un complemento para as familias numerosas, de xeito que os terceiros fillos e sucesivos perciban 2400 euros anuais desde o nacemento ata os tres anos; facilidades para a presentación de solicitudes por parte dos galegos retornados; e a posibilidade extraordinaria de ampliar a Tarxeta Benvida ata os catro anos para as familias en situación de especial vulnerabilidade.

Imaxes relacionadas