A Xunta somete a información pública a 1ª fase do proxecto de humanización da PO-323 en Teis, no Concello de Vigo

A intervención suporá un investimento de preto de 1,7 M€ e define medidas de calmado de tráfico e de protección de peóns nesta vía de acceso á cidade e características moi urbanas

Actuarase nun treito de 500 metros entre o Instituto de Teis e a intersección coa avenida da Mariña e o IES Leixa
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete a información pública a primeira fase do proxecto de humanización da estrada PO-323, no concello de Vigo.

A actuación nesta vía de entrada na cidade centrase no treito comprendido entre o cruce da estrada autonómica coa Avenida Mariña Española e o IES Leixa e suporá un investimento da Xunta de preto de 1,7 millóns de euros.

A intervención deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta comprende un tramo duns 500 metros da estrada PO-323, entre o instituto de Teis e a intersección coa Avenida da Mariña Española, na que se definen as medidas de acougado de tráfico e de protección de peóns neste viario de características moi urbanas.

O período de presentación de suxestións estenderase durante un período de 30 días hábiles, contados a partir de mañá. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://bit.ly/3fet3wV.

Esta primeira fase do proxecto de reforma deste tramo da vía autonómica ten en conta puntos singulares como os cruces coas vías que dan acceso ao centro de saúde e á ETEA e á intersección coa Avenida da Mariña, ámbito que se pretende ennobrecer. O deseño definido polo departamento de Infraestruturas da Xunta busca, ademais, coordinar a súa execución co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar na antiga ETEA.

Máis en detalle, proxectase a execución dunha glorieta na intersección entre a Avenida de Galicia (PO-323) e a Avenida da Mariña Española mediante carril único con sección. Fóra da entrada da Avenida da Mariña Española se disporá de dobre carril de entrada para mellorar os xiros de saída cara á dereita dirección Vigo e a fluidez en horas punta.

Neste trazado, defínese unha zona de aparcadoiro nunha parcela próxima situada enfronte do Centro de Saúde de Teis, para dotar á zona con 24 novas prazas -2 destinadas a persoas con mobilidade reducida- en compensación das que se perden pola humanización da PO-323.

A intervención, incluirá a recolocación das marquesiñas, a instalación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar visualmente a integración da actuación na zona do Camiño Portugués.

Ademais, a actuación proxectada pola Xunta permitirá xerar un espazo que se poñería a disposición do Concello para a posible instalación dun parque infantil.

A primeira fase da humanización da PO-323 conta cun prazo de execución de 12 meses e o obxectivo da Xunta e completar a actuación cunha segunda fase que complete a mellora da estrada no termo municipal de Vigo.