Feijóo aborda co alcalde de Lalín os asuntos de interese para o municipio como o centro integral de saúde ou o desenvolvemento da 4ª fase do polígono de Lalín 2000

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou co alcalde de Lalín os asuntos de maior interese para o seu municipio como o centro integral de saúde, cuxas obras está previsto rematen a finais de 2022, ou o desenvolvemento da 4ª fase do polígono de Lalín 2000.

Sobre este último punto, Feijóo trasladoulle ao rexedor que a Xunta xa ten redactados os proxectos de expropiación e de urbanización para avanzar na ampliación deste parque empresarial en canto o Concello aprobe o Plan de sectorización, e co obxectivo de iniciar as obras de urbanización en 2022.

No eido das infraestruturas educativas, o Goberno galego investirá 620.500 euros para levar a cabo melloras en 3 centros educativos. No caso do CEIP Vicente Arias de la Maza consistirán na substitución da cuberta e carpinterías, no CEIP Varela Buxán procederase a substitución da cuberta, das carpinterías e da cuberta do pavillón. E, no IES Laxeiro cambiaranse as luminarias, a escaleira de evacuación e levarase a cabo a mellora do peche e do pavimento do patio.

Xa no ámbito da mobilidade, o titular da Xunta informou ao alcalde de Lalín de que a Administración galega xa lle remitiu ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o estudo que estima en 3,2 M€ o impacto que suporía aplicar na autoestrada AG-53 as bonificacións existentes na AP-9.

Por outra banda, no que atinxe as diferentes actuacións en materia da augas, Feijóo confirmou que xa están redactados tanto o Plan director de saneamento do núcleo urbano de Lalín como o estudo de viabilidade dunha captación no rio Deza para a mellora do sistema de abastecemento.

Finalmente, con respecto á unificación de todos os servizos de medio rural nun único edificio, o presidente da Xunta confirmoulle ao alcalde que se está realizando a adaptación do anterior proxecto arquitectónico, que estará lista no mes de marzo e permitirá coñecer o investimento necesario. En canto aos prazos previstos, Feijóo sinalou que, de adxudicarse as obras no mes de setembro, estas poderían iniciarse en outubro e rematarse a finais de 2023.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta