A Xunta avalía con Sernauto a oportunidade que supón o perte de automoción para o sector en Galicia

Á espera de coñecer cando abre o Goberno a convocatoria de axudas, esta xuntanza é importante á hora de identificar as actuacións que se poden deseñar desde o ámbito autonómico para complementar a candidatura galega

Galicia vai presentar a este Perte o proxecto AutoAncora, coa previsión de mobilizar 1300 millóns de euros e que impulsará a creación de 900 empregos

O vindeiro 17 de xaneiro abre o prazo de solicitudes para o Plan Renove, que triplica o orzamento do ano anterior con 2,5 millóns de euros en axudas para vehículos adquiridos desde o 1 de xaneiro
 

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da Asociación Española de Provedores de Automoción (Sernauto), con quen avaliou polo miúdo a oportunidade que supón o Perte que o Goberno vén de aprobar para o sector.

O pasado 28 de decembro publicáronse as bases para a selección e concesión das axudas en réxime de concorrencia competitiva e o seguinte paso será agora a apertura da convocatoria por parte do Goberno central para a presentación de proxectos. Nese sentido, e tendo en conta que Sernauto colaborou na elaboración do Perte, esta xuntanza é importante á hora de identificar as actuacións que se poden deseñar desde o ámbito autonómico para complementar a candidatura galega.

Galicia vai presentar a este Perte o proxecto AutoAncora, que desenvolve o Grupo Stellantis en colaboración co clúster do sector, Ceaga, e o centro tecnolóxico CTAG. Un conxunto de iniciativas que prevén unha mobilización de 1300 millóns de euros durante o período 2021-2023 e que impulsarán a creación de 900 empregos.

Neste contexto, a Xunta, a través do Igape, ten en marcha un convenio de colaboración con Ceaga para dar soporte aos proxectos integrados de automoción e contribuír ao desenvolvemento de AutoAncora. Trátase dunha iniciativa que vai marcar un punto de inflexión no impulso en Galicia ao vehículo e á mobilidade do futuro: sustentable, segura e conectada.

Plan Renove

Un dos principais obxectivos é, polo tanto, incentivar a demanda; e, nese sentido, a Administración galega acaba de poñer en marcha o programa Renove Automoción para fomentar a transición cara a unha mobilidade eficiente. Cun orzamento de 2,5 millóns de euros que triplica o do ano anterior, o prazo de solicitudes abre o vindeiro luns 17 de xaneiro, aínda que as axudas van poder destinarse a vehículos adquiridos desde o 1 de xaneiro.

A diferencia do Plan Moves, que só incentiva a compra de vehículos o Renove Automoción contempla a adquisición doutras fórmulas de mobilidade eficiente. A finalidade é impulsar a compra de 1100 vehículos eficientes, mobilizando ao redor de 26 millóns de euros a través da colaboración público-privada.
 

Imaxes relacionadas