A Xunta recibe 12 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do saneamento en Ver e Boebre, en Pontedeume, cun investimento de case 958.000€

O fin é eliminar os vertidos destes núcleos, para o que se construirá unha estación de bombeo e unha rede de colectores en Ver e unha depuradora en Boebre

A Xunta financia integramente as actuacións e contratará e executará as obras, que contan cun prazo de execución de seis meses

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2022

A Xunta vén de recibir 12 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do sistema de saneamento nos núcleos de Ver e de Boebre, no concello de Pontedeume, cun investimento autonómico de 958.000 euros.

Estas obras, cuxo prazo de execución é de 6 meses, acometeranse mediante a colaboración técnico-financeira entre Augas de Galicia e o Concello de Pontedeume.

A Xunta asume integramente o financiamento das actuacións destinadas á eliminación dos vertidos incontrolados ao medio procedentes dos núcleos de Ver e de Boebre. Ademais, Augas de Galicia levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

O Concello de Pontedeume asume a posta á disposición dos terreos necesarios, as autorizacións para a execución dos traballos, así como o mantemento e conservación das instalacións.

As obras estarán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.


Os traballos permitirán construír unha nova estación de bombeo en Ver e unha nova rede de colectores e impulsión, así como a construción dunha nova depuradora de augas residuais no núcleo de Boebre.

Actuacións

Na actualidade as augas residuais xeradas en Ver desembocan directamente na praia mediante unha condución de vertido ao mar, en condicións deficientes e sen tratamento previo.

A solución para a aglomeración de Ver trata de incorporar este núcleo ao sistema de saneamento da depuradora de Pontedeume. Así, o proxecto inclúe a implantación dun pozo de bombeo que impulse as augas residuais xeradas cara a depuradora. Para iso, estas augas serán rebombeadas nos pozos de bombeo de Vizús e de Centroña, polo que se renovarán os bombeos, para que se adapten á xestión dos novos caudais xerados na rede.

No núcleo de Boebre está prevista a execución dunha estación depuradora de augas residuais cunha capacidade de 50 habitantes equivalentes. As obras proxectan na situación da fosa séptica existente a implantación dun sistema de tratamento in situ consistente nun pretratamento e un tratamento primario e un tratamento secundario de leitos bacterianos. O vertido ao medio realizarase mediante un pozo filtrante.

Con estas actuacións da Xunta prevese dar servizo a unha poboación máxima na época estival de 1.967 habitantes no ano horizonte 2042.

Esta actuación súmase ás obras de mellora do saneamento na zona do esteiro do Eume, nos concellos de Cabanas e de Pontedeume, que desenvolve a Xunta en distintas fases cun investimento global de arredor de 8,6 M€.