Quiroga mellora o campo de fútbol do San Martiño grazas a unha obra conveniada coa Xunta por importe de preto de 50.000 euros

A obra ocupouse da substitución do sistema de rego actual, dotándose dun sistema moderno e automatizado, así como da sementeira do terreo de xogo do campo grande de herba natural

Quiroga (Lugo), 10 de xaneiro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou o Concello de Quiroga onde, acompañado polo seu rexedor, Julio Álvarez, supervisou a reforma levada a cabo no campo de fútbol do San Martiño, grazas ao convenio de colaboración asinado entre as dúas administracións e que acadou un montante de preto de 50.000 euros (48.394 euros), sendo achegados pola Xunta o 80% (38.715,20 euros) e polo concello o restante 20% (9.678,80 euros).
O estado no que se atopa o campo de fútbol, debido a parada na actividade do ano 2020, é deficiente; polo que cómpre realizar actuacións en todas as partes para ter un campo de fútbol en óptimas condicións (sistema de rega, sistema de drenaxe, sistema rootzone e mantemento). Máis polo miúdo, a obra ocupouse da substitución do sistema de rego actual, dotándose dun sistema moderno e automatizado, así como da sementeira do terreo de xogo do campo grande de herba natural que incluíu tratamento de herbicida, preparación do terreo, sementeira, abonado e pintado de liñas.
O campo de fútbol do San Martiño é unha instalación municipal cuxa construción levouse a cabo nos anos oitenta. A finais dos anos noventa realizouse un arranxo no céspede do campo grande de herba natural e no ano 2003 instalouse o sistema de rega soterrado. En canto as construcións no ano 2005 levouse a cabo as obras para a creación dos novos vestiarios e de pequeno almacén de material preto das gradas dos afeccionados. Nos últimos anos celebráronse as competecións federadas dos equipos de fútbol das sección xuvenís e promesas. En anos anteriores, o Quiroga FC promesa chegou a estar en categoría de preferente. Na actualidade o equipo está na categoría de segunda rexional galega.
En total, dos 32.474.216 euros cos que contou a Secretaría Xeral para o Deporte en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns foron destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas