A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantiveron esta mañá un encontro de traballo coa Asociación de Veciños do barrio

A Xunta informa aos veciños de Teis da primeira fase do proxecto de humanización da PO-323, entre o cruce coa Avenida da Mariña Española e o IES Leixa

Esta primeira fase suporá un investimento de preto de 1,7 millóns de euros no acondicionamento de 500 metros de vía, o que se completará a continuación coa segunda fase

A delegada e o director avanzan que nos vindeiros días someterase a información pública o proxecto para que todos os interesados poidan formular suxestións e achegas
 

Vigo, 10 de xaneiro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantiveron hoxe unha reunión con representantes da Asociación de Veciños de Teis aos que informaron dos traballos previstos no marco da primeira fase do proxecto de humanización da PO-323, no treito comprendido entre o cruce da estrada autonómica coa Avenida Mariña Española e o IES Leixa, no concello de Vigo.
Segundo informaron, o proxecto consiste en humanizar un tramo duns 500 metros da estrada PO-323 no municipio de Vigo, entre o instituto de Teis e a intersección coa Avenida da Mariña Española, definindo medidas de acougado de tráfico e de protección de peóns nun viario de características moi urbanas. Esta primeira fase de reforma da estrada ten en conta puntos singulares como as cruces con viarias que dan acceso ao centro de saúde e á ETEA e á intersección coa Avenida da Mariña, ámbito que se pretende ennobrecer. O proxecto busca, ademais, coordinar a súa execución co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar na ETEA.
Executarase unha glorieta na intersección entre a Avenida de Galicia (PO-323) e a Avenida da Mariña Española mediante carril único con sección. Fóra da entrada da Avenida da Mariña Española se disporá de dobre carril de entrada para mellorar os xiros de saída cara á dereita dirección Vigo e a fluidez en horas punta.
Asemade, proxéctase unha zona de aparcadoiro nunha parcela próxima situada enfronte do Centro de Saúde de Teis, para dotar á zona con 24 novas prazas -2 destinadas a persoas con mobilidade reducida- en compensación das que se perden pola humanización da PO-323.
A actuación, que suporá un investimento de preto de 1,7 millóns de euros e un prazo de execución de 12 meses, contempla a recolocación das marquesiñas, a colocación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar visualmente a integración da actuación na zona do Camiño Portugués.
Neste contexto, tanto Fernández-Tapias como Menéndez, explicaron que coa actuación se xera un espazo que se poñería a disposición do Concello para a posible instalación dun parque infantil.
Sinalaron que se trata dunha primeira fase da humanización da PO-323 e que o Executivo autonómico mantén o seu compromiso no proxecto de dar continuidade a esta actuación cunha segunda fase que complete a mellora da estrada no termo municipal de Vigo.
A delegada e o director avanzan que nos vindeiros días someterase a información pública o proxecto para que todos os interesados poidan formular suxestións e achegas.

Imaxes relacionadas